Héctor Galán, novo director xeral do Obradoiro
Héctor Galán, novo director xeral do Obradoiro
O asturiano Héctor Galán foi o elixido polo presidente do Monbus Obradoiro, Raúl López, para asumir a dirección xeral do club galego tras o seu descenso a LEB Oro.
Galán chega a Santiago avalado polo seu traballo no Alimerka Oviedo Baloncesto, no que traballou os últimos 20 anos, para xestionar un equipo que afrontará a tempada 2024-25 co reto de regresar á liga ACB.
O novo director xeral do Obradoiro, cargo que o curso pasado quedou vacante tras a saída de José Luis Mateo en maio de 2023, será presentado este venres no Multiúsos Fontes do Sar a partir das once da mañá.
Unha das súas primeiras decisións á fronte do club santiagués será elixir o substituto de Moncho Fernández para o banco, despois de que a directiva decidise prescindir do técnico tras o descenso de categoría.