Heroes contra o cancro e bicicletas adaptadas no Camiño máis solidario
Heroes contra o cancro e bicicletas adaptadas no Camiño máis solidario
Varios peregrinos remataban a súa peregrinación cumprindo causas solidarias
Hai cinco anos o pai de Alicia Sánchez sufría un accidente en bicicleta que o deixaba con medio corpo paralizado e unha delicada situación persoal. Este domingo a súa filla chegaba a Santiago despois de transitar pola ruta xacobea máis de oitocentos quilómetros.
Partiu de Cidade Real co obxectivo de recadar fondos para conseguirlle unha bicicleta adaptada e financiar tamén a súa rehabilitación.
"Estivo en coma durante un mes pero a día de hoxe a súa mobilidade mellorou, recuperou o 30 % da perna dereita, e de aí as ganas por velo montar en bicicleta", comenta.
"Quilómetros que cambian vidas" é o nome da iniciativa que se pode apoiar, con doazóns económicas, na súa páxina web. Alicia dá a coñecer a través das redes sociais a historia de superación do seu pai, para devolverlle así o empurrón de ánimo que ela tamén recibiu do seu proxenitor cando o necesitaba.
"Para min é esa man nas costas que el agora necesita e xa está sentíndoa con ese proxecto, con toda a xente que o día do seu aniversario felicitouno e mandoulle mensaxes dende todo o mundo", conta a responsable do proxecto.
O proxecto continuará nas vindeiras xornadas ata completar o Camiño de Fisterra. Unha vez acadados os obxectivos, clausurarase o 11 de setembro cunha celebración sorpresa onde todo empezou, en Bolaños de Calatrava, provincia de Cidade Real.
Camiño dos heroes
Tamén no Obradoiro, a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia completaba este domingo o camiño dos heroes, un proxecto no que participaron uns vinte nenos coas súas familias para visibilizar a loita dos máis pequenos contra a enfermidade, como a de Fabio de tan só sete anos e a súa nai.
"Tivemos xogos, fixemos dous tramos do Camiño. Foi cansado pero a experiencia merece a pena", comenta Montse López, a nai de Fabio.
Os nenos chegaban á catedral tras completar dúas etapas do camiño francés, para homenaxear os auténticos heroes da loita contra o cancro infantil: os propios nenos.
"En realidade son heroes. Que un neno tan pequeno consiga vencer esta enfermidade demostra que é impresionante a súa capacidade de superación, moito maior que a dos adultos", sentencia José María Fernández, presidente da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).
A praza do Obradoiro tamén participou de tanta solidariedade repartindo auga en forma desa choiva tan esperada nas últimas semanas.