Publicador de contidos
Publicador de contidos

Humza Yousaf sucederá a Nicola Sturgeon á fronte do Goberno escocés

Humza Yousaf sucederá a Nicola Sturgeon á fronte do Goberno escocés

Escocia "necesita agora máis que nunca a independencia", dixo o novo líder do SNP, quen ten o reto de unir o partido e prometeu gobernar coa "prioridade inmediata de protexer a cada cidadán da crise do custo da vida"

EFE 27/03/2023 16:09

Humza Yousaf, ministro rexional de Sanidade, foi elixido como novo líder do independentista Partido Nacional Escocés (SNP) e por conseguinte converterase no sucesor de Nicola Sturgeon como xefe do Executivo de Escocia.

Yousaf, que se presentou como o candidato da continuidade que manterá a liña progresista de Sturgeon, fíxose co respaldo maioritario dos máis de 70.000 afiliados do SNP, que votaron nunhas eleccións primarias durante máis de dúas semanas.

Cunha participación do 70 %, Yousaf obtivo o 48 % dos votos como primeira opción, por diante da súa máxima rival, a ministra rexional de Economía, Kate Forbes, que obtivo un 40 % e da terceira en discordia, Ash Regan, cun 11 %.

Polo sistema de elección no SNP, posteriormente sumáronse aos dous candidatos con máis apoios os votos de segunda opción que foran parar a Regan, o que resultou nun axustado 52 % a 48 % para Yousaf fronte a Forbes.

Se recibe mañá o apoio do Parlamento escocés, Yousaf, de 37 anos e inmigrante de segunda xeración, converterase no sexto ministro principal de Escocia, tras unhas eleccións primarias marcadas pola tensión entre os aspirantes.

Na súa primeira alocución como novo responsable do SNP, salientou ante todo a necesidade de unir ao partido, que afronta un momento decisivo tras máis de oito anos de liderado carismático de Sturgeon e atópase cheo de dúbidas sobre o camiño á independencia.

"No últimas cinco semanas, puidemos ser competidores, pero agora somos un só equipo, a xeración que conseguirá a independencia para Escocia", dixo Yousaf no acto, celebrado no estadio Murrayfield de Edimburgo.

O novo líder do SNP comprometeuse a gobernar "en interese de todos os escoceses, á marxe das súas preferencias políticas", coa "prioridade inmediata de protexer a cada cidadán da crise do custo da vida".

Ao seu xuízo, Escocia "necesita agora máis que nunca a independencia", algo que só conseguirá se os independentistas defenden os seus argumentos "porta por porta".

Como primeiro xefe do Executivo escocés musulmán, Yousaf felicitouse por que "a cor de pel nin a relixión sexan un obstáculo" para gobernar Escocia e, en presenza da súa nai kenyana e o seu pai paquistaní, enviou unha mensaxe rotunda: "Celebraremos aos inmigrantes que tanto contribúen a este país".

O Parlamento escocés de Holyrood, onde o SNP goberna en coalición cos Verdes, deberá votar mañá sobre Yousaf, quen, de obter a súa confianza, xurará o seu cargo ante o Tribunal de Sesións de Edimburgo o mércores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar