Identificado o mozo que matou dez persoas nun supermercado de Buffalo
Identificado o mozo que matou dez persoas nun supermercado de Buffalo
A fiscalía considera que os asasinatos obedecen a motivacións raciais
A fiscalía do distrito do condado de Erie (no norte de Nova York) identificou o mozo de 18 anos acusado de matar a tiros esta madrugada dez persoas nun supermercado na cidade de Buffalo. Trátase de Payton S. Gendron.
Gendron, que fora definido previamente como supremacista branco, foi arrestado sen dereito a fianza, baixo os cargos de homicidio en primeiro grao, e comparecerá por primeira vez o martes pola mañá ante o xuíz.
O delito podería custarlle a cadea perpetua, xa que no estado de Nova York non existe a pena de morte. O Ministerio Público considera que os asasinatos responden a motivacións raciais, confirmando a tese adiantada polo axente especial do FBI Steven Belanger. Segundo dixo, a súa oficina investiga o incidente "como un crime de odio e un caso de extremismo violento por motivos raciais".
O mozo Gendron, que fixo unha viaxe de varias horas ata chegar a Buffalo -descoñécese polo momento a súa procedencia,- elixiu ao parecer este barrio da cidade por estar habitado maiormente por poboación negra. Entre as trece vítimas, dez mortos e tres feridos, once eran de raza negra.
Entrega voluntaria
Tras o tiroteo, que acabou tamén coa vida dun axente de seguridade do supermercado, entregouse voluntariamente á policía.
O New York Times engade que o mozo se declarou no primeiro interrogatorio "non culpable" e aceptou un avogado de oficio tras asegurar que non pode custear un privado para a súa defensa.