Illa defende unha consulta de autogoberno en Cataluña, pero non de autodeterminación
Illa defende unha consulta de autogoberno en Cataluña, pero non de autodeterminación
ERC ve"unha boa noticia" que o líder do PSC propoña consultas
O PSOE asegura que non haberá ningún referendo cun Goberno de Pedro Sánchez
O líder do PSC, Salvador Illa, mostrouse a favor de facer unha consulta de autogoberno en Cataluña pero "en ningún caso unha consulta para unha ruptura, para a autodeterminación".
Illa, nunha entrevista en 'El Confidencial' non ve inmediata esta consulta, pero cre que "pode ser obxecto de discusión", e recalca que os socialistas cataláns non se posicionarán a favor dunha consulta para a independencia de Cataluña, algo que para eles é unha liña vermella, nas súas palabras.
"Se froito do diálogo entre cataláns e os seus partidos se chega a un mínimo consenso sobre como organizar o autogoberno de Cataluña, estaría de acordo e pareceríame ben", dixo Illa.
O líder de ERC no Congreso, Gabriel Rufián, considerou "unha boa noticia" que o líder do PSC propoña consultas en Cataluña para que "por fin" se poida confrontar coa dos republicanos, que insisten nun referendo pactado.
Con todo, a vicesecretaria xeral do PSOE, María Jesús Montero, garantiu que non haberá ningún referendo nin consulta de autodeterminación en Cataluña mentres goberne Pedro Sánchez: "Cun Goberno de Pedro Sánchez, cun Goberno presidido polo Partido Socialista nunca se vai celebrar un referendo dese tipo nin de forma regular nin irregular".
E sobre a consulta aos cataláns proposta polo primeiro secretario do PSC dixo que "iso non é un referendo".
Pola súa parte, a ministra de Dereitos Sociais e líder de Unidas Podemos, Ione Belarra, ve lexítimo que ERC propoña un referendo sobre a independencia en Cataluña pactado co Estado e mostrouse partidaria de discutilo na mesa de negociación.
Desde a oposición, o presidente do PP di que España vive " unha crise constitucional sen parangón" porque " calquera president e autonómico pode facer un referendo e usar cartos dunha comunidade sen que sexa delito". Feijoo acusa ao presidente do Goberno de debilitar ao Estado pero advírtelle que a " unha nación de 500 anos ninguén a pode chantaxear".
Os populares pediron amparo ao Constitucional para frear a reforma do Poder Xudicial e convidan aos baróns socialistas a pasar das palabras aos feitos e pedirlle os seus deputados que voten en contra destas reformas do Código Penal.