Publicador de contidos
Publicador de contidos

Illa e Puigdemont competirán por gobernar Cataluña e buscan o apoio de ERC

Illa e Puigdemont competirán por gobernar Cataluña e buscan o apoio de ERC

Os republicanos, de momento, optan por pasar á oposición

Pere Aragonès dimite tras o fracaso nas urnas

G24.gal 13/05/2024 19:28 Última actualización 13/05/2024 19:46

Claro vencedor nas eleccións, Salvador Illa intentará formar un tripartito con Esquerra Republicana e cos Comuns. Un goberno de esquerdas para enterrar o procés e abrir unha nova etapa. O PSC apela aos republicanos.

"Que non bloqueen a posibilidade de que o PSC goberne Cataluña, igual que nós non bloqueamos a posibilidade de avanzar cando eles estaban en Cataluña", di Nuria Parlón, portavoz do PSC.

Pero a Illa saíulle un competidor. Malia o fracaso do independentismo nas urnas, Carles Puidemont anuncia que tamén se vai presentar á investidura. O seu obxectivo é formar un goberno soberanista cos republicanos e coa Cup. Unha opción que precisaría da abstención dos socialistas.

"Podemos agrupar unha maioría coherente, non absoluta, pero si coherente e máis ampla que a de Illa", di Puigdemont.

Nuria Parlón, portavoz do PSC, respóndelle: "Non apoiaremos a investidura de Puigdemont por moito que nos ameace con bloquear a gobernabilidade en España".

A chave tena Esquerra Republicana, en plena crise interna polos malos resultados, que levaron a dimitir o seu candidato. 

"Non formarei parte do próximo Parlamento de Cataluña e abandonarei a primeira liña política", di Pere Aragonès.

Ante a encrucillada de apoiar a Illa ou a Puigdemont, Esquerra opta por manterse na oposición.

Pere Aragonès asegura: "Non facilitaremos unha investidura do PSC nin participaremos de operacións que precisan do acordo de Junts e os socialistas".

Un bloqueo de Esquerra forzaría, probablemente, unha repetición electoral en Cataluña. Un escenario que os partidos xa teñen presente a 24 horas de pecharse as urnas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade