Achéganse xa a 4.800 os mortos en Turquía e Siria polos devastadores sismos
Achéganse xa a 4.800 os mortos en Turquía e Siria polos devastadores sismos
O último balance contabiliza case 24.000 feridos e polo menos 6.000 edificios destruídos só en territorio turco
Preto de 4.800 persoas morreron e arredor de 24.000 resultaron feridas na serie de devastadores tremores que sacudiron o sueste de Turquía e o norte de Siria e derrubaron milleiros de edificios nos que se buscan sobreviventes a moi baixas temperaturas.
En Turquía, o reconto máis actual eleva a cifra de vítimas mortais a case 3.000 e a de feridos a uns 16.000.
En Siria, inmersa nunha guerra civil desde hai máis dunha década, a información provén do Goberno de Bachar al Asad e do último enclave controlado pola oposición. Contabilizan en total máis de 1.400 mortos e 3.500 feridos.
As zonas opositoras, fronteirizas con Turquía, están máis próximas ao epicentro. A Oficina da ONU para a Coordinación de Asuntos Humanitarios lembrou que alí viven 4,1 millóns de persoas que xa dependían da axuda humanitaria para sobrevivir, na súa maioría mulleres e nenos.
Este organismo explicou que a comunicación no terreo é difícil polas interrupcións "crónicas" nos servizos telefónicos e da Internet, ao que se suman informacións sobre supostos cortes de estradas no noroeste de Siria, ademais de en territorio turco.
O Ministerio sirio de Exteriores pediu á ONU, ONGs e organizacións gobernamentais que "apoien" os seus esforzos para facer fronte á "catástrofe humanitaria", segundo un comunicado difundido pola axencia oficial de noticias, SANA.
En Turquía, as autoridades informaron de polo menos 6.000 edificios destruídos e avanzaron que queren iniciar hoxe a evacuación controlada de quen precise saír das provincias máis afectadas polo desastre.
Varios terremotos
O primeiro gran terremoto rexistrouse ás 4.17 hora local (01.17 GMT) e tivo unha magnitude de 7,8. O epicentro situouse en Pazarcik, na provincia turca de Kahramanmaras. Posteriormente producíronse polo menos un cento máis, un deles de magnitude 7,5.
As baixas temperaturas e a neve na zona, onde tamén hai territorios montañosos de difícil acceso, complican as tarefas de rescate tanto en Turquía coma en Siria.
O presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, declarou sete días de loito oficial.
O sismo sentiuse tamén con forza no Líbano, incluída Beirut.
Un dos símbolos da enorme destrución é o castelo romano de Gaziantep, que levaba en pé máis de 1.700 anos e foi arrasado polos tremores.
Tamén sufriu danos a cidadela histórica de Alepo, en Siria.
As autoridades turcas anunciaron o peche dos colexios nas dez provincias máis afectadas.
Apenas imperceptible, un berro de auxilio escóitase entre os restos dunha casa. Mentres, impotentes, os seus familiares choran desesperados. É unha escena que se repite por toda Turquía.
A misión de rescate é titánica. A maior traxedia en Turquía no que vai de século deixou reducidas a montañas de cascallos cidades enteiras en centos de quilómetros. Só en Turquía calculan que os sismos fixeron colapsar 6.000 edificios. É que á parte do primeiro gran terremoto, de case oito graos, seguíronlle outras 145 réplicas, unha delas case da mesma magnitude.
Por riba, con temperaturas baixo cero que descenden aínda máis de noite, a premura é clave para chegar a tempo para rescatar xente con vida. Co paso dos días, os rescates milagreiros coma estes que vimos nas últimas horas serán máis escasos.
A magnitude da traxedia explícase porque nesa zona, a Anatolia, a máis perigosa do Mediterráneo, conflúen ata catro placas tectónicas.
E aí está tamén Siria, que tras doce anos sumida nunha guerra civil, deixou moitos edificios xa debilitados polos bombardeos. Calcúlase que máis de 4 millóns de persoas que xa dependían de axuda humanitaria, incluídos 3 millóns de desprazados pola guerra, sufriron agora tamén este castigo da natureza.
Cara a Siria diríxese este convoi de axuda procedente de Irán. Este voceiro de emerxencias explica que envían 150 paramédicos, ambulancias e equipos de emerxencia móbil.
45 países xa están organizando o envío de axuda á zona. Francia, Alemaña, O Reino Unido e tamén tradicionais rivais dos dous países afectados como Israel ou Grecia. Desde España xa saíron dous avións do Exército do Aire, con 90 membros da UME e bombeiros da Comunidade de Madrid e material para axudar na misión de rescate.