Incendian dous colectores e un toldo de hostalería na Estrada
Incendian dous colectores e un toldo de hostalería na Estrada
As dúas accións vandálicas producíronse de madrugada
Producíronse dúas accións vandálicas de madrugada en dous puntos céntricos da Estrada. A última delas foi contra un toldo de venda de polbo instalado o pasado venres.
"Puxéronlle lume á carpa. Un acto vandálico en que arderon mesas, bancos...", di Adrián Porta, propietario do toldo. O propietario non se explica o porqué deste acto destrutivo contra o seu negocio: "Nunca houbo problema ningún. Podemos levar vinte anos traballando aquí e nunca pasara nada". Ademais engade que este ataque puido deixarlle danos valorados en tres ou catro mil euros.
Unha enfermeira da residencia próxima ao posto e o encargado do mercado puideron ver o lume e lograron paralo grazas á súa acción.
"O lume ía avanzando. Eu tiña que abrir o mercado e de inmediato collín o extintor... acabouse ese e volvín por outro. Nese momento a rapaza que estaba de garda na residencia e entre os dous rematamos", explica José Manuel Nogueira Villares, encargado do Mercado da Estrada.
Na madrugada do venres, o ataque incendiario foi contra un grupo de colectores da rúa Pérez Viondi. Un depósito de papel e outro de plástico e envases foron consumidos polo lume.
Todo apunta a que as dúas accións foron intencionadas. As forzas de seguridade investigan o sucedido co obxectivo de identificar quen prendeu ambos incendios.