Segue sen control o incendio que xa arrasou 8.000 hectáreas nas Hurdes
Segue sen control o incendio que xa arrasou 8.000 hectáreas nas Hurdes
Unhas 200 persoas permanecen acollidas no pavillón municipal de Moraleja, en Cáceres
As lapas alcanzan os montes da Serra de Gata, onde decretaron o nivel 2 de perigosidade
Os labores de loita contra o incendio forestal do norte da provincia de Cáceres entran nunha fase decisiva de cara ao posible control do lume nalgunhas zonas.
As lapas obrigaron unhas 200 persoas a permanecer acollidas no pavillón municipal de Moraleja, onde a incerteza e o medo son palpables.
Dous días despois de iniciarse, o lume nas Hurdes non dá tregua. As lapas avanzan sen control empurradas por un vento incesante que, por momentos, sopra a 60 quilómetros por hora.
O lume alcanza xa os montes da Serra de Gata. As autoridades decretaron o nivel 2 de perigosidade, o que implica a intervención de medios estatais.
O balance oficial fala de 2.500 hectáreas queimadas, pero os equipos de extinción estiman que a cifra real está xa entre as 7.500 e as 8.000. En total, houbo que desaloxar 700 persoas de catro localidades.
Orixe do incendio
O lume comezou ás nove e media da noite do mércores. Tanto pola hora como pola presenza de vehículos nas proximidades dos primeiros focos, as autoridades non dubidan de que se trata dun incendio intencionado.
A magnitude do incendio lembra o declarado hai 20 anos na zona, aínda que daquela, a mesma superficie ardeu en varios días e desta volta, en menos de 48 horas.