Incerteza na construción polo prezo dos materiais e a falta de man de obra
Incerteza na construción polo prezo dos materiais e a falta de man de obra
Temen un arrefriamento do sector despois de superar a paralización sufrida durante a pandemia
A construción en Galicia experimentou unha repunta tras superar a paralización da actividade económica que trouxo a pandemia do coronavirus. O aumento da inflación nos últimos meses e a crise de subministracións que arrastran diversas actividades dende hai dous anos están a alertar os arquitectos, que xa falan de incerteza no sector.
"O que non sabemos é se todas estas obras se van poder executar polo atranco que temos polo aumento do prezo dos materiais e a falla de man de obra cualificada", mantén a decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia.
O efecto da pandemia provocou un corte de subministracións, que aínda que se superou -aseguran- segue sen chegar de xeito estable ás empresas distribuidoras.
"Agora mesmo os materiais estanse a producir cando xa teñen o pedido feito. Así hai un atraso de servilos en obra. Non hai tanto escaseza, senón atraso no tempo", asegura.
A falla de profesionais cualificados constitúe outra das preocupacións dos profesionais do sector da construción.
"Todos eses traballadores reconvertéronse cara a outros sectores, e non houbo unha renovación. A xente que quedou no sector vai avellentando e as novas xeracións semella que non teñen un grande interese por meterse no mundo da construción", lamenta.
Segundo datos do Observatorio da Fundación Laboral da Construción, o número de permisos para obra nova aumentou en Galicia un vinte por cento con respecto ao mesmo período do ano pasado.
Porén, se a situación económica non mellora nos vindeiros meses, o sector podería entrar nunha situación delicada de arrefriamento.