Inditex elevará os prezos un 2 % en España para facer fronte á inflación
O peche do mercado ruso e o contexto de inflación internacional marca os retos máis inmediatos, segundo explicou Pablo Isla na súa despedida
Inditex gaña 3.243 millóns de euros, un incremento do 193 % respecto ao exercicio anterior
Inditex abre unha nova etapa. A partir de abril, Marta Ortega tomará a remuda da multinacional. O actual presidente, Pablo Isla, di que deixa unha compañía cunha gran capacidade de adaptación ante calquera circunstancia.
E faino despois de dous anos moi complicados en que Inditex foi quen de aumentar as vendas, e sobre todo a canle en liña, que representa o 25 % do global do grupo. Pero tamén deixa importantes retos para Marta Ortega: o peche dos mercados de Rusia e Ucraína e o contexto de inflación a nivel internacional.
Aínda así, as perspectivas son as de seguir medrando, dada a solidez da compañía. Inditex retomará as operacións en Rusia e Ucraína en canto sexa posible. E aposta por fortalecer o mercado dos Estados Unidos, que xa é o segundo despois de España.
Ademais subirá os prezos nun 2 % nesta próxima campaña de verán en España e Portugal. No resto do mundo as subas rozarán o 5 %. Con todo, as accións da compañía subiron case un 2 % na bolsa despois da presentación dos resultados.