Inditex consegue os mellores rexistros de vendas na súa historia
Forte incremento da venda en liña: véndese un 28 % máis ca o ano pasado
Inditex pulveriza o seu propio récord e consegue os mellores rexistros da súa historia nun trimestre. A multinacional que vai dirixir Marta Ortega consegue máis de 1.200 millóns de euros entre agosto e outubro.
Récord de vendas que se achega aos 7.400 millóns de vendas, un 5,5 % máis ca no mesmo período do ano anterior.
Forte incremento da venda en liña: véndese un 28 % máis ca o ano pasado, e un 124 % máis ca en 2019.
Inditex rexistrou un beneficio neto de 2.500 millóns de euros durante os nove primeiros meses do seu exercicio fiscal 2021-2022 (entre o 1 de febreiro e o 31 de outubro), o que supón un aumento do 273 % respecto a un ano antes, cando gañou 671 millóns de euros, segundo informou este mércores a compañía.
As vendas do grupo ascenderon a 19.325 millóns de euros, un 37 % máis respecto ao mesmo período de 2020. Desta forma, Inditex alcanza o seu máximo histórico de vendas e beneficio nun terceiro trimestre, o segundo consecutivo tras o período entre maio e xullo, cando xa conseguiron ser as máis altas da compañía nun segundo trimestre.
Supera tamén o listón de xeración de caixa e a compañía alcanza unha posición financeira neta de 9.569 millóns de euros, o seu máximo histórico, por encima dos 8.265 millóns de 2020 e dos 7.734 millóns de 2019.
As vendas en tenda seguiron mellorando no terceiro trimestre, segundo destaca a firma. Ademais, continúa rexistrando un "notable" crecemento da venda en liña que, a tipo de cambio constante, supera nun 28 % a do primeiros nove meses de 2020, e supera nun 124 % o listón alcanzado no mesmo período de 2019, previo á pandemia.