Inspección de Traballo actuará contra os abusos no período de proba dos contratos
Inspección de Traballo actuará contra os abusos no período de proba dos contratos
O Ministerio vai poñer en marcha unha campaña para comprobar posibles incumprimentos por parte das empresas
Yolanda Díaz advirte: "En ningún caso imos permitir que ese período de proba sexa unha escusa para a fraude. Acabouse o tempo en que as persoas traballadoras eran de usar e tirar".
A Inspección de Traballo vai poñer en marcha unha campaña para comprobar posibles incumprimentos en relación co período de proba dos contratos de traballo. A Inspección verificará especialmente os contratos de traballo, xa sexa a tempo completo ou parcial, que se extinguen por non superar o tempo de proba a pesar de exceder a duración máxima dese período, segundo sinalan a EFE fontes do Ministerio de Traballo.
Xunto a isto, actuarase nos despedimentos de persoas traballadoras que non superan o período de proba a pesar de ser contratada previamente para realizar as mesmas funcións. "É inadmisible que este período de proba se use para defraudar o dereito dos traballadores e as traballadoras á estabilidade”, sinalou en declaracións remitidas aos medios a vicepresidenta e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz.
Los trabajadores y trabajadoras no son de usar y tirar.
— Yolanda Díaz (@Yolanda_Diaz_) April 24, 2024
Vamos a lanzar una campaña con la Inspección de Trabajo para que las empresas no utilicen el periodo de prueba para vulnerar el derecho a la estabilidad. No lo vamos a permitir. pic.twitter.com/iMuRvpoGPd
Díaz cualificou o período de proba como "un valor imprescindible" nas relacións laborais, que está ideado unicamente para comprobar as aptitudes da persoa traballadora e o seu encaixe na empresa. A ministra asegura: "En ningún caso imos permitir que ese período sexa unha escusa para a fraude (...) Acabouse o tempo no que as persoas traballadoras eran de usar e tirar".
A través da ferramenta de loita contra a fraude, a Inspección de traballo buscará posibles irregularidades para evitar que algunhas empresas "recorran a fórmulas que mingüen" os dereitos das persoas traballadoras e que ademais "obstaculicen a libre competencia entre as empresas".
O período de proba, de acordo con o Estatuto dos Traballadores, ten unha duración máxima de dous meses, que se eleva a seis meses para técnicos titulados. Nas empresas con menos de 25 traballadores pode ser de tres meses fóra dos técnicos titulados e nos contratos temporais de 6 meses ou menos, non pode exceder un mes.
A lei tamén establece que se a persoa traballadora xa desempeñara as mesmas funcións con anterioridade non debe pasar por un novo período de proba. Desde que entrase en vigor a reforma laboral, o mercado de traballo conta con preto de tres millóns traballadores máis con contratos indefinidos. O 91 % dos casos superaron o período de proba, engade Traballo.