A chuvia intensa deixa inundacións, desprendementos e cortes de tráfico en Galicia
A chuvia intensa deixa inundacións, desprendementos e cortes de tráfico en Galicia
MeteoGalicia avisa de que a fronte se despraza ao sur, cara a Pontevedra, co Lérez e o Lagares ao límite
Producíronse case 500 incidencias relacionadas coa chuvia, máis de 200 delas na Coruña
O temporal está a deixar un regueiro de incidencias en Galicia: case 200 durante o venres pola tarde co aviso laranxa activado na Coruña e Pontevedra, que se preparan para o peor.
O aviso laranxa por chuvia segue activo no suroeste da Coruña e aviso amarelo no resto de Galicia por precipitacións.
Moita chuvia é a que está a caer. Unha fronte atravesa Galicia desde o venres pola tarde e deixa ao seu paso inundacións en diferentes puntos.
Os problemas na comarca de Ferrolterra son múltiples: en Ferrol desbordouse o río Cadaval, en Fene o Cádavo, en Cedeira o Condomiñas e en Mugardos o Baa, ademais de inundacións en Cabanas, en Pontedeume.
Houbo acumulacións de auga en aparcadoiros na Coruña, ata casos máis graves como o corte da autovía AG-64 de Narón a Sadurniño entre os quilómetros 6 e o 13.
Esta tarde o temporal desprázase cara ao sur, cos ríos Lérez e o Lagares xa ao límite da capacidade.
Varios concellos do interior da provincia da Coruña rexistraron este sábado máis de 60 litros por metro cadrado de precipitacións, tras os 94,3 de onte en Santa Comba.
Segundo os datos de Meteogalicia, Lousame (69,5 litros por metro cadrado) e Val do Dubra (69) son os puntos con máis precipitacións de Galicia nesta xornada, seguidos por Narón (65,6); Santa Comba (62,7) e Bergondo (59,9).
Son as cifras facilitadas ata o mediodía, despois de que o venres Santa Comba alcanzase os 94,3 litros por metro cadrado, con máis de 80 tamén en Narón e Lousame.
Mentres, en Muros as intensas precipitacións provocaron a derruba dunha capela, a de San Pedro, no corazón da localidade.
Caeu un dos muros da capela de San Pedro e varios baixos do centro da vila quedaron inundados. Servizos de Emerxencias e veciñanza tiveron que traballar arreo durante esta mañá para minimizar as consecuencias destas inundacións.
Outras moitas estradas están invadidas por fervenzas espontáneas que impiden o paso de vehículos. É o caso da DP-3603, que vai de Ferrol a Covas, preto de Canteiras Ferrolanas.
Na Coruña a auga inundou parcialmente algúns dos aparcadoiros como sudeceu no dos Cantóns.
Na Costa da Morte a choiva obrigou a suspender e trasladar actos do Nadal na tarde do venres, cando houbo algunhas inundacións, e este sábado tívose que actuar en diferentes zonas, como en Ponteceso, onde se desbordou o río Anllóns.