Investidores estranxeiros interésanse pola compra de pazos en Galicia
Investidores estranxeiros interésanse pola compra de pazos en Galicia
Os compradores adoitan adquirir palacetes e casas señoriais para convertelos en establecemento turístico
Un inmoble do século X, situado no centro de Noia, é un dos case 900 pazos que hai catalogados no Inventario Xeral do Patrimonio de Galicia. Está á venda desde hai seis meses.
Coma esta propiedade, atopamos variedade de palacetes e casas señoriais en inmobiliarias especializadas na súa compravenda.
"Tamén hai un montón de casas rurais, muíños, adegas. Ultimamente tamén se vendeu algunha adega na Ribeira Sacra", conta Luz Millares de Querencia Rural.
Unha das casas, declarada Ben de Interese Cultural de Galicia, véndese con licenza hoteleira. O uso turístico é o destino final da maioría destas edificacións. Dende Querencia Rural aseguran que o sector vive un bo momento.
"A xente pregunta moito, quizais xente que quere illarse aínda que a maioría quere as casas para usos hoteleiros e, sobre todo, inversores estranxeiros. É moi bo momento, si".
"Hai pazos moi grandes que se venderon a capitais inversores estranxeiros, de feito vendemos un a unha persoa dos EUA".
"É vender o noso pero a xente que compra vén para instalarse aquí", di Luz Millares.
Son propiedades exclusivas que atesouran parte da historia do país, accesibles só para algúns petos.