Dous mortos e 21 feridos nun tiroteo contra un bar LGTBI de Oslo
Dous mortos e 21 feridos nun tiroteo contra un bar LGTBI de Oslo
A policía arrestou unha persoa nas proximidades do lugar dos feitos.
Este sábado ía celebrarse a marcha do Orgullo na capital norueguesa, pero foi suspendida pola organización
A policía e a fiscalía de Oslo confirman que investigan como ataque terrorista os tiroteos do sábado pola noite en varios lugares do centro da capital norueguesa. Entre eles o que se rexistrou nun pub frecuentado pola comunidade homosexual, co resultado de dúas persoas mortas e outras 21 feridas, dez delas graves.
O atacante, detido nas proximidades do lugar dos feitos, é un cidadán con pasaporte noruegués e de orixe iraniana, coñecido pola policía, precisou o xefe da investigación, Christian Hatlo.
Requisáronlle dúas armas e presentáronse cargos contra el por homicidio, intento de homicidio e acto terrorista.
Hai motivos para crer que se trata dun delito de odio. "É unha das hipóteses", dixo Hatlo.
Mentres, a organización do Oslo Pride, a marcha LGTBIQ que ía celebrarse este sábado na cidade, suspendeu todos os actos, por consello e recomendación da policía.
O pub London, onde o atacante disparou tanto no interior coma nos exteriores, é un dos locais de referencia da comunidade homosexual en Oslo.
Distintas testemuñas declararon que o tiroteo desatou o pánico na xente dentro do local e que todo foi caótico.
A Comisión Europea condenou o tiroteo en Oslo e a presidente deste organismo, Ursula von der layen, salientou que "ninguén debería de temer pola súa vida" polo simple feito de ser quen é. Asegurou estar conmocionada polo ataque que cualificou de atroz contra vítimas inocentes.