Investigan o incendio nun coche estacionado do garaxe dun céntrico edificio de Ourense
Investigan o incendio nun coche estacionado do garaxe dun céntrico edificio de Ourense
Os bombeiros localizaron o coche ardendo no terceiro soto
O acceso aos dous sotos inferiores foi pechado en espera da baixada do nivel de monóxido de carbono
A policía investiga a causa dun incendio que na noite do venres calcinou un vehículo estacionado no terceiro soto do garaxe do edificio situado no número 39 da avenida da Habana, en pleno centro da cidade de Ourense.
Un particular que tiña a moto estacionada no aparcadoiro deu aviso aos bombeiros sobre as dez da noite. Chegaron axiña ao lugar con todos os efectivos dispoñibles no parque, dúas motobombas e sete efectivos.
"Coa axuda dunha cámara térmica localizamos un coche ardendo no terceiro soto do garaxe. O máis complicado foi a ventilación do aparcadoiro", comenta José Benito Álvarez, oficial xefe dos bombeiros de Ourense.
Unhas fitas da policía local impiden o acceso aos dous andares inferiores do aparcadoiro. Prohibiuse o paso mentres os niveis do monóxido de carbono aínda presentes no soto sexan prexudiciais para a saúde.
Ademais a policía científica leva a cabo os labores de investigación para determinar a orixe do lume. Non se desbota que fose provocado, xa que o vehículo que ardeu era un coche antigo, un Seat 127, que levaba moito tempo alí estacionado.