Apartan a médica do altercado con insultos no hospital de Piñor
Apartan a médica do altercado con insultos no hospital de Piñor
Un vídeo, gravado por un paciente, recolle unha acalorada discusión cunha médica do servizo de rehabilitación
Ocorreu contra as doce do mediodía do xoves, na zona de consultas externas de rehabilitación do hospital de Piñor. Adrián Delgado e a súa parella, que estaban na consulta coa súa filla, captaron unhas imaxes en que se ve unha médica do servizo discutindo cun dos pacientes.
Adrián Delgado, paciente de rehabilitación: "Todo se desencadeou porque levaba 20 minutos sen atender a ninguén. Unha médica estaba increpando un señor chamándolle 'gilipollas'. E a cousa foi a máis, a min non me deixaba pasar".
O altercado, asegura Adrián, prolongouse durante máis de media hora, ata que finalmente interveu o servizo de seguridade do hospital. "Vou poñer unha reclamación. Todos os que estabamos alí fixemos un grupo de WhatsApp e imos optar por denunciala", asegura Adrián.
Sanción
O Sergas abriu unha investigación para adoptar, din, as medidas oportunas. Solicitaron os testemuños dos profesionais implicados e as posibles reclamacións que se presenten no servizo de Atención ao Paciente. Ademais, apartaron temporalmente a médica das súas funcións de asistencia neste servizo.
A médica pide que se respecte a súa intimidade e que non vai realizar declaracións.