Publicador de contidos
Publicador de contidos

Medra a tensión en Oriente Próximo tras varios ataques mortais no Líbano e Siria

Medra a tensión en Oriente Próximo tras varios ataques mortais no Líbano e Siria

Ambos os dous países acusan a Israel das agresións

G24.gal 21/01/2024 08:53 Última actualización 21/01/2024 10:25

O Exército israelí continúa coa súa ofensiva en Gaza, mentres aumenta a tensión na zona tras rexistrárense dous ataques mortais en Siria e no Líbano atribuídos ao país hebreo.

Un bombardeo contra un edificio residencial sacudiu este sábado a capital siria, Damasco. Morreron polo menos dez persoas, entre elas cinco membros da Garda Revolucionaria de Irán.

Teherán acusou a Israel do ataque e advertiu do seu "dereito a responder". O seu ministro de Asuntos Exteriores, Hossein Amir Abdollahian, dixo que os asesores militares iranianos seguirán realizando as súas actividades na rexión.

"A actividade dos asesores militares de Irán na loita contra o terrorismo e co fin de garantir a seguridade da rexión continuará con firmeza", aseverou nunha mensaxe na rede social X.

Tamén este sábado, catro persoas morreron nun ataque con drons contra un coche no sur do Líbano, noutra acción atribuída a Israel. 

Teherán é un aliado clave de Damasco na guerra en Siria, onde Irán enviou soldados e asesores militares, ademais de prestar apoio económico e político ao seu principal aliado en Oriente Próximo.

Máis de 25.000 vítimas mortais

Novo balance de vítimas mortais en Gaza. Tras os últimos ataques do exército xudeu, xa son máis de 25.000 as persoas que faleceron no enclave palestino dende o inicio da guerra o pasado 7 de outubro.

Segundo informa o Ministerio de Sanidade da Franxa, controlado polo grupo islamita Hamas, "a ocupación israelí cometeu 15 masacres contra familias en Gaza, causando 178 mortos e 293 feridos, durante as últimas 24 horas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade