Irán asegura que avisou os Estados Unidos do ataque a Israel
Irán asegura que avisou os Estados Unidos do ataque a Israel
O ministro de Exteriores iraniano afirma que mandaron outra mensaxe máis despois da ofensiva en que afirman que non buscan unha escalada da tensión na rexión
O ministro iraniano de Exteriores Hosein Amir Abdolahian asegurou este xoves en Nova York que o seu país avisou os Estados Unidos de que atacaría Israel como represalia polo bombardeo do consulado, algo que Washington negou.
“Nós dixemos claramente a través de mensaxes aos estadounidenses que a decisión tomada polo Consello Supremo de Seguridade Nacional encabezada polo presidente (iraniano) de castigar o réxime sionista (Israel) era definitiva e final”, afirmou Abdolahian á súa chegada Nova York, onde asistirá a reunións da ONU.
“Despois da acción punitiva, aproximadamente ás 2:30 do domingo, mandamos outra mensaxe aos Estados Unidos a través de canles diplomáticas en que afirmamos que non buscamos unha escalada da tensión na rexión”, dixo o ministro, segundo informou a axencia estatal iraniana IRNA.
O Goberno dos Estados Unidos negou o luns que Irán lle notificase con antelación cando se ía producir o ataque contra Israel e os obxectivos que tiña previsto golpear, contradicindo a versión do Goberno iraniano e doutros países veciños.
Irán lanzou un ataque con mísiles e drons contra Israel o pasado sábado, en represalia polo bombardeo contra o consulado iraniano en Damasco en que morreron sete membros da Garda Revolucionaria.
Israel afirmou que responderán o ataque iraniano, perante o que Teherán subiu o ton das súas advertencias e asegurou á súa vez que tomará medidas ante dunha posible represalia israelí.
Abdolahian atópase en Nova York para participar nunha reunión do Consello de Seguridade da ONU, que votará unha resolución presentada por Alxeria para solicitar a admisión de Palestina como Estado de pleno dereito da ONU.