Irán considera un éxito o seu ataque contra Israel, mentres o mundo pide contención
Irán considera un éxito o seu ataque contra Israel, mentres o mundo pide contención
O xefe do Estado Maior das Forzas Armadas iranianas advertiu aos EUA que atacará as súas bases se apoia unha resposta israelí
Rusia, un dos principais aliados de Irán e embarcado na invasión de Ucraína, expresou a súa preocupación pola "perigosa escalada"
Joe Biden tratará de coordinar cos seus homólogos do G7 unha resposta diplomática
O Goberno de Irán mantén que o ataque lanzado contra Israel a pasada madrugada foi un éxito e volveu este domingo ameazar con novas ofensivas, mentres o mundo expresou a súa preocupación pola escalada do conflito en Oriente Próximo e pide contención.
“Onte á noite, os valentes fillos da Garda Revolucionaria, coa colaboración e coordinación de todos os sectores de defensa e políticos do país, abriron unha nova páxina na historia da autoridade de Irán e déronlle unha lección ao inimigo sionista”, dixo este domingo o presidente iraniano Ebrahim Raisi.
Mentres, o xefe do Estado Maior das Forzas Armadas iranianas, o xeneral Mohamad Hossein Baqeri, advertiu aos Estados Unidos que atacará as súas bases na rexión se apoia unha resposta israelí.
“A través da embaixada suíza, enviamos unha mensaxe aos Estados Unidos dicindo que se coopera con Israel nas súas posibles accións contra Irán, as súas bases (na rexión) non terán ningunha seguridade e lidaremos con elas”, dixo á prensa iraniana.
Ataque exitoso
Os líderes iranianos cualificaron de éxito o ataque con centos de mísiles e drons contra Israel. Confirmaron a destrución dun centro de intelixencia xudía e a base aérea desde a que despegaron os cazas que atentaron contra o seu consulado en Damasco.
A ofensiva responde ao ataque contra a sede diplomática, atribuído a Israel, en que morreron seis sirios e sete membros da Garda Revolucionaria. O movemento islamista Hamas considera que se trata dun "dereito natural e dunha resposta merecida".
Ataque repelido coa axuda dos EUA
Con todo, as mensaxes procedentes das autoridades israelís tras o ataque contradín a versión do réxime de Irán. Segundo o primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, a maioría dos mísiles e drons foron interceptados polas súas defensas e non causaron vítimas mortais.
“Interceptamos. Bloqueamos. Xuntos gañaremos”, publicou na rede social X ás sete da mañá, tras manter unha reunión de avaliación cos membros do Gabinete de Guerra.
Segundo o voceiro castrense Daniel Hagari, ningún dos 170 drons lanzados por Irán alcanzaron territorio israelí. Ademais, interceptaron 25 dos 30 mísiles de cruceiro enviados e os máis de 120 mísiles balísticos.
"O 99 % das ameazas lanzadas contra territorio israelí foron interceptadas, un logro estratéxico moi significativo”, asegurou nunha conferencia de prensa.
A única persoa ferida de gravidade durante o ataque foi unha nena beduína do sur do país, de sete anos, que foi trasladada inconsciente ao Hospital Soroka, na rexión do Neguev.
O mundo chama á calma e pide contención
No medio da escalada de tensión entre Irán e Israel, a maioría dos países chaman á contención para evitar unha extensión do conflito.
Rusia, un dos principais aliados de Irán e embarcado na invasión de Ucraína, expresou a súa preocupación pola "perigosa escalada" na rexión e chamou ás partes a "actuaren con moderación".
"Chamamos a todas as partes involucradas a que actúen con moderación. Esperamos que os Estados da rexión resolvan os problemas existentes por medios políticos e diplomáticos", dixo un comunicado oficial do ministerio ruso de Exteriores.
Os líderes occidentais, especialmente os europeos, rexeitaron a ofensiva iraniana e chamaron á calma. Máis contundente amosouse o presidente estadounidense, principal aliado de Israel.
Joe Biden garantiu o seu apoio ao primeiro ministro israelí, tras asegurar que as súas forzas contribuíron a frear o ataque.
O papa Francisco fixo un "chamamento urxente" para que se deteña calquera acción violenta que implique o risco de "levar Oriente Próximo a un conflito aínda maior".
Mentres Irán amenceu nunha aparente normalidade, Israel lanzou este domingo novos ataques contra posicións da grupo Hezbollah, aliado iraniano, no veciño Líbano, que foi contestado co lanzamento de decenas de foguetes contra postos militares israelís nos Altos do Golán.