Irán lanza preto de 200 mísiles contra Tel Aviv e Xerusalén
Irán lanza preto de 200 mísiles contra Tel Aviv e Xerusalén
Irán confirma o lanzamento de mísiles en vinganza polos asasinatos dos líderes de Hamas e Hezbollah
Polo menos seis mortos e nove feridos nun tiroteo en Tel Aviv
Irán lanzou este martes pola tarde un ataque de mísiles contra territorio israelí, confirmou o voceiro castrense en árabe, Avichay Adraee, activando as alarmas antiaéreas en todo o país.
"Hai pouco tempo, lanzáronse mísiles desde Irán cara ao Estado de Israel. Pídeselles que permanezan alerta e sigan con precisión as instrucións do Comando da Fronte Interior", asegurou nun comunicado o Exercito israelí.
As alarmas foron activadas en todo o país e o mapa do Exército mostra todo o territorio israelí con sinais vermellos de alerta.
En Xerusalén, ademais do son das alarmas, que continúan nestes momentos, puideron verse tamén mísiles interceptados no ceo e o ruído que facían ao estoupar.
As Forzas Armadas israelís enviaron mensaxes a teléfonos móbiles en certas áreas avisando á poboación e pediron a todas as persoas que busquen refuxio inmediatamente e que permanezan neles ata novas instrucións.
O Exército tamén informou de que o seu sistema de defensa aérea "está completamente operativo" para detectar e interceptar calquera ameaza, aínda que advertiu de que algún mísil podería chegar a impactar en terra.
"Con todo, a defensa non é hermética e, por tanto, é esencial seguir as instrucións do Comando da Fronte Interior. É posible que escoiten explosións, que poderían ser o resultado de intercepcións ou impactos", asegura un comunicado castrense.
Este é o primeiro ataque de Irán contra Israel desde abril, cando Irán atacou con mísiles e drons dúas bases aéreas israelís no Negev e acadou puntos do territorio ocupado dos altos do Golán, aínda que Israel, Estados Unidos ou países árabes sobre os que sobrevoaron lograron interceptar a maioría dos proxectís iranianos.
A voceira do Exército israelí, Daniel Hagari, alertara con anterioridade este martes de que Irán podería lanzar un ataque “a grande escala” contra Israel.
Estados Unidos informara a Israel de que Irán estaba a prepararse para atacar, tras o asasinato o venres do máximo líder de Hezbollah, Hasán Nasrala, nun bombardeo israelí en Beirut nunha nova escalada israelí que esta madrugada culminou cunha invasión terrestre no sur do Líbano.
Os Estados Unidos saen en axuda de Israel
O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, ordenou este martes ás Forzas Armadas estadounidenses que derruben os mísiles que Irán está a lanzar sobre Israel.
Nun breve comunicado, a Casa Branca indicou que Biden e a vicepresidenta, Kamala Harris, están reunidos co equipo de seguridade nacional na sala de crise da Casa Branca, onde están a recibir información sobre os ataques de Irán.
Segundo explicou a Casa Branca, Biden deu instrucións ás Forzas Armadas dos Estados Unidos para que axuden na "defensa" de Israel ante os ataques iranianos e derruben os mísiles que están a caer sobre territorio israelí.
Irán confirma o ataque en vinganza polos asasinatos dos líderes de Hamas e Hezbollah
A Garda Revolucionaria de Irán confirmou este martes o lanzamento de mísiles contra Israel como resposta aos asasinatos do líder de Hamás, Ismail Haniyeh, o xefe de Hizbulá, Hasán Nasrala, e un xeneral iraniano.
“Co disparo de decenas de mísiles balísticos, golpeáronse obxectivos no corazón dos territorios ocupados”, indicou o corpo militar de elite nun comunicado, no que clarificou que a operación é unha resposta ás mortes de Haniyeh e Nasrala.
“Advertimos de que se o réxime sionista responde militarmente a esta operación, será contraatacado de maneira máis contundente”, engadiu a Garda Revolucionaria iraniana.
A Misión de Irán ante a ONU cualificou nun comunicado o ataque como unha resposta “legal, racional e lexítima aos actos terroristas do réxime sionista contra cidadáns e intereses iranianos e por infrinxir a soberanía da República Islámica”.
Aconsellou ademais aos “Estados rexionais e os aliados” de Israel que se afasten de Israel.
Medios iranianos como a axencia estatal IRNA publicaron vídeos de imaxes de mísiles cruzando o ceo do país en cidades como Teherán, Isfahán, Shiraz ou Tabriz, unhas imaxes que se repetiron en redes sociais.
Este é o primeiro ataque de Irán contra Israel desde abril, cando atacou con mísiles e drons dúas bases aéreas israelís como resposta á morte de sete membros da Garda Revolucionaria no consulado iraniano de Damasco, nun ataque que non provocou grandes danos.