Irán secuestra no Pérsico un buque "vinculado" a Israel con 25 persoas a bordo
Irán secuestra no Pérsico un buque "vinculado" a Israel con 25 persoas a bordo
A captura, no estreito de Ormuz, eleva máis a tensión en Oriente Próximo
O buque "vinculado" con Israel que foi capturado este sábado por Irán no golfo Pérsico, o MSC Aries, leva a bordo 25 membros da tripulación, informou a compañía MSC, que "está a traballar estreitamente coas autoridades competentes" para garantir a seguridade dos seus ocupantes.
"Lamentamos confirmar que o buque MSC Aries, propiedade de Gortal Shipping Inc, afiliado a Zodiac Maritime (dun empresario israelí) e fretado a MSC, foi abordado polas autoridades iranianas cun helicóptero mentres cruzaba o estreito de Ormuz arredor das 2:43 GMT desta mañá", indica nun comunicado.
Desde entón, o buque, de bandeira portuguesa, "foi desviado da súa ruta cara a Irán". Dezasete das persoas que viaxan a bordo son de nacionalidade india.
"Estamos en contacto coas autoridades iranianas a través de canles diplomáticas, tanto en Teherán como en Delhi, para garantir a seguridade, o benestar e a pronta liberación dos cidadáns indios", dixo a EFE unha fonte do Ministerio de Exteriores indio.
Israel confirmou a captura do cargueiro e pediulle á Unión Europea que declare "organización terrorista" a Garda Revolucionaria iraniana.
A captura eleva aínda máis a tensión en Oriente Próximo, xa en alerta ante posibles represalias de Teherán tras o ataque ao consulado iraniano en Damasco do pasado 1 de abril, no que morreron sete membros da Garda Revolucionaria e seis cidadáns sirios.