Publicador de contidos
Publicador de contidos

Irene Montero acusa o PP de "promover a cultura da violación"

Irene Montero acusa o PP de "promover a cultura da violación"

A ministra de Igualdade facía estas declaracións no Congreso referíndose ás campañas de Galicia e Madrid contra a violencia machista

A presidenta do Congreso chamou a ministra á orde ao considerar "non adecuada a expresión dirixida a un grupo político"

Feijóo pide a dimisión de Montero: "Esta ministra o que tiña que facer simplemente é recoller o seu despacho"

G24.gal 30/11/2022 11:10 Última actualización 30/11/2022 13:10

A ministra de Igualdade, Irene Montero, acusou este mércores o PP de "promover a cultura da violación" que pon en cuestión as vítimas, en referencia a senllas campañas nas comunidades de Madrid e Galicia conta a violencia machista. 

Montero expresouse desta maneira durante a sesión de control ao Goberno. A presidenta da Cámara Baixa, Meritxel Batet, chamouna á orde ao considerar non adecuada a expresión da titular de Igualdade e en xeral pediu respecto e contención na linguaxe no pleno.

A portavoz do PP, Cuca Gamarra, solicitou a palabra para destacar que a afirmación de Montero "é altamente ofensiva".

Irene Montero respondía a unha pregunta do Grupo Parlamentario Popular sobre a lei do "só si é si"

Irene Montero facía estas acusacións nunha resposta á deputada do PP, Belén Hoyo Juliá, que pedía a dimisión pola lei do si e si.

A deputada do PP, durante a súa pregunta, pedíalle a ministra e Igualdade que deixase de "exculparse insultando os xuíces chamándolles machistas, deixe de cuestionar o seu traballo, a lei fixérona vostedes e non eles, polo tanto vostedes son os únicos responsables, deixe de tirar cartos públicos en campañas publicitarias sinalando a persoas de maneira inxusta e desapiadada, un billón de euros coa que está caendo, os españois levan as mans á cabeza. Vostede debería dimitir".

Na súa resposta, a ministra de Igualdade comezou defendendo a lei de igualdade e relatou todos os beneficios que tiña para as mulleres agredidas, como novos delitos ou os aumentos de penas para moitos deles. Despois referíndose as compañas de Galicia e Madrid dixo textualmente:

"Isto é o que fai este Goberno e o que fai a maioría feminista desta cámara e que fan vostedes? Unha campaña en Galicia que di: 'Non debería pasar, pero pasa', 'Vixía a túa copa, muller' cando saias pola noite, a comunidade de Madrid. Quen sementa vento, recolle tempestades, culpar as vítimas, responsabilizar as vítimas das agresións que sofren, vostedes promoven a cultura da violación, que pon en cuestión a credibilidade das vítimas".

A partir dese momento, as palabras da ministra foron ininterrompidas polos berros e apupos da bancada popular. Tivo que intervir reiteradamente a presidenta do Congreso pedindo silencio, para que a ministra puidera rematar a súa resposta.

"Fronte ao populismo punitivo que vostedes promoven, nós estamos traballando en leis integrais que garantan a protección de todas as mulleres. E iso imos seguir facendo", rematou dicindo Irene Montero.

Meritxel Batet, presidenta do Congreso, chama á orde a ministra Irene Montero:

"Señora ministra, esta presidencia considera que a expresión que utilizou non é adecuada en termos parlamentarios dirixida a un grupo parlamentario. Pídolles, por favor, respecto nas expresións que se utilizan e contención na linguaxe, porque queremos, silencio, por favor, debemos querer contribuír a convivencia dentro desta cámara porque queremos contribuír á convivencia fóra desta cámara. Así que por favor pídolles, en termos xerais, que eviten unha linguaxe inadecuada para o Parlamento, para a representación dos españois".

Cuca Gamarra: "Quero deixar claro que é altamente ofensivo"

Cuca Gamarra, voceira do PP, pediu a palabra tras a  intervención da presidenta do Congreso.

"Tras as palabras vertidas por parte da ministra de Igualdade en relación ao meu grupo parlamentario, do que dixo que promove a cultura da violación, quero deixar moi claro que é altamente ofensivo que unha dirixente, unha responsable política, que ten nada máis e nada menos que a responsabilidade de dirixir as políticas de igualdade, estea vertendo estas afirmacións en relación a un partido que loitou e vai seguir loitando pola igualdade neste país; que loitou e vai seguir loitando contra a violencia de xénero".

"O que ten que facer a ministra é asumir a súa responsabilidade e ser un pouquiño máis responsable, polo menos por respecto ás vítimas das agresións sexuais", rematou dicindo Cuca Gamarra, entre os aplausos da súa bancada.

O PP pide dimisión de Montero

O Partido Popular pediu a dimisión da ministra de Igualdade por unhas palabras "de máxima gravidade" que levaron o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, a reprochar ao Goberno que sexa "o primeiro 'hooligan'" da política española.

Minutos despois da intervención de Montero no Congreso, o presidente do PP volveu responsabilizar a ministra de Igualdade, "xunto con todo o Goberno", de que haxa mulleres desprotexidas ou máis desprotexidas e de que haxa sentenzas que rebaixan as penas ou excarceran a agresores e delincuentes sexuais.

"Que non se poña nerviosa, que asuma a súa responsabilidade, e por favor que non siga embarrando a política española", engadiu Feijóo, para quen é un "disparate que o Goberno siga sen modificar a lei, sen rectificar a lei e que esta ministra dea leccións aos demais".

"Esta ministra o que tiña que facer simplemente é recoller o seu despacho", concluíu Feijóo en declaracións aos xornalistas tras recibir o Premio Cambio 16.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade