Irene Montero: "Hai lugar para a crítica, pero outra cousa é a violencia política"
Irene Montero: "Hai lugar para a crítica, pero outra cousa é a violencia política"
Zapatero cun vídeo e Carla Antonelli apoiaron a Montero no acto de Podemos en Madrid
En plena polémica pola aprobación da lei do si é si e tras as críticas recibidas nos últimos días, hoxe pronunciouse Irene Montero.
A ministra de Igualdade denunciou unha campaña contra ela e contra o movemento feminista. Asegura que moitos queren facer pasar por crítica construtiva o que realmente é violencia política.
A ministra de Dereitos Sociais e secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, dixo que o PP e Vox “odian máis” a ministra de Igualdade, Irene Montero, do que “odiaron a Pablo Iglesias”.
Así se pronunciou durante a súa intervención nun acto de partido celebrado esta mañá no Círculo de Belas Artes de Madrid, onde cualificou os dous partidos da dereita como “herdeiros da tradición reaccionaria” porque “odian as mulleres e a democracia” e opóñense "aos seus dereitos".
Ante un auditorio cheo, Belarra cualificou a Montero -“filla da clase traballadora”- como “o baluarte do feminismo internacional” e subliñou que a cacería política contra a titular de Igualdade “é a máis salvaxe” que se viviu nos últimos anos.
Un día despois de que o feminismo se manifestara dividido en Madrid -unha manifestación percorreu a capital, á que acudiron as ministras do PSOE, e outra o distrito madrileño de Vallecas, a onde acudiu Irene Montero e dirixentes de Podemos- a titular de Dereitos Sociais pediu “unidade” ao movemento.
No acto de Podemos celebrado este sábado e de forma inesperada, a actriz Itziar Castro, condutora do evento, deu paso a un vídeo enviado por José Luis Rodríguez Zapatero de apoio á titular de Igualdade, que se proxectou nunha pantalla xigante.
Na mensaxe, Zapatero recoñeceu a “tarefa” de Irene Montero e o seu “compromiso, valentía e determinación” para “facer avanzar a igualdade” e subliñou que “aqueles que te insultan”, en referencia velada ás descualificacións da deputada de Vox Carla Toscano cara a Montero no Congreso, “representan un pasado escuro e tenebroso”. “O máis lamentable é que presumen de insultar”, criticou o expresidente, que sinalou que “ese machismo sempre leva implícita unha violencia".
Carla Antonelli, exdeputada do PSOE presente no acto, subiu á tarima e cualificou como “violencia política” e “ataques por terra, mar e aire” os insultos vertidos cara a Irene Montero, mentres que dixo que o problema “non era a lei trans” ou a lei de só si é si, senón “todo o que saíse do ministerio de Igualdade".