Publicador de contidos
Publicador de contidos

Netanyahu bota por terra as esperanzas de tregua e di que Israel seguirá cos ataques no Líbano

Netanyahu bota por terra as esperanzas de tregua e di que Israel seguirá cos ataques no Líbano

Israel asegura que matou o xefe da unidade aérea de Hezbollah en Beirut

Os bombardeos israelís deixan dende o luns máis de 600 mortos e un milleiro de feridos no Líbano

Israel segue a bombardear O Líbano a pesar das chamadas ao cesamento do fogo

G24.gal 26/09/2024 17:10

O Exército israelí asegurou este xoves que matou o comandante da unidade aérea de Hezbollah, a quen identificou como Muhamad Hosein Sarur, nun ataque aéreo contra os suburbios do sur de Beirut.

Sarur "promoveu, dirixiu e capitaneou numerosos ataques terroristas aéreos, incluídos ataques con drons, mísiles de cruceiro e vehículos aéreos non tripulados", aseguraron as forzas israelís nun comunicado.

O ministro de Medio e coordinador do Plan Nacional de Emerxencia do Líbano, Nasser Yassin, dixo nun informe que "hoxe se rexistraron ao redor de 115 ataques en varias zonas do Líbano, o que provocou 60 mártires e 81 feridos", segundo un reconto de datos do Ministerio de Saúde Pública do país mediterráneo.

Netanyahu di que non parará "ata alcanzar todos os nosos obxectivos"

O primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, prometeu este xoves ao chegar a Nova York, para participar este venres na Asemblea Xeral da ONU, que o seu país "seguirá golpeando a Hizbulá con todo o seu poder" e non parará "ata alcanzar todos os nosos obxectivos", en declaracións aos xornalistas na pista do aeroporto.

Con esas palabras, Netanyahu bota por terra as esperanzas que xurdiron este mércores dunha tregua de 21 días, unha iniciativa que promoven Estados Unidos e Francia e que cultivou o apoio de polo menos dez países.

"A nosa política é clara e que ninguén se chame a engano", insistiu Netanyahu, que definiu o seu obxectivo principal: o retorno dos residentes do norte de Israel aos seus fogares, en referencia aos 67.000 desprazados polos combates.

As forzas israelís están a levar a cabo desde este luns unha campaña de bombardeos masivos contra O Líbano, especialmente no sur e leste do país, que xa deixaron máis de 600 mortos, máis dun milleiro de feridos, e máis de 90.000 desprazados, segundo estimacións oficiais e de Nacións Unidas.

A oficina do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, publicou unha foto do mandatario no avión de camiño a Nova York, onde este venres ha pronunciar un discurso ante a Asemblea Xeral da ONU, e dixo que o dirixente aprobou "a operación de asasinato" desde o aire.

Mentres, o ministro de Defensa israelí deu luz verde a manter a ofensiva contra Hezbollah e deixou claro que aínda quedan "misións por completar" para devolver aos residentes desprazados do norte de Israel aos seus fogares.

Segundo o Exército israelí, Sarur foi un dos líderes responsables do sistema de produción de drons de Hezbollah no Líbano, e estableceu fábricas situadas baixo edificios civís na capital libanesa e outras zonas do país.

Israel insiste en que os seus ataques dos últimos días van dirixidos contra zonas onde o grupo, aliado de Irán, mantén mísiles e munición escondida entre a infraestrutura civil do país.

De momento, Hezbollah non se pronunciou sobre este novo ataque contra o sur de Beirut.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade