Publicador de contidos
Publicador de contidos

Israel bombardea a franxa de Gaza e causa a morte de 13 membros da Xihad Islámica

Israel bombardea a franxa de Gaza e causa a morte de 13 membros da Xihad Islámica

Faleceron trece persoas e resultaron feridas outras vinte polos intensos bombardeos cuns 40 avións e drons da forza aérea israelí

O exército israelí confirma o falecemento dun dos comandantes da Xihad Islámica que operaba no sur de Gaza

A Xihad Islámica Palestina advertiulle a Israel que tomaría vinganza

G24.gal 09/05/2023 07:53 Última actualización 09/05/2023 10:50

Polo menos trece persoas, a maioría membros da Xihad Islámica, morreron en Gaza e unhas vinte foron feridas polos intensos bombardeos cuns 40 avións e drons da forza aérea israelí esta madrugada sobre a franxa, confirmou o Ministerio de Sanidade palestino.

O exército israelí confirmou os ataques contra obxectivos da Xihad Islámica Palestina (XIP) e algúns dos seus líderes, "responsables do lanzamento de foguetes a Israel no último mes", como Jalil Bahitini, Tareq Az Aldin e Jahed Ahnam, que morreron, como tamén algúns dos seus familiares e veciños, incluídas mulleres e nenos. 

"Eliminouse nunha operación conxunta do exército e o Servizo Xeral de Seguridade, o comandante de XIP no norte de Gaza, un líder da XIP responsable de dirixir as actividades en Cisxordania desde Gaza e o secretario do consello militar de XIP”, indicou o exército sobre Bahitini, Aldin e Ahnam, respectivamente.

Segundo explicou o exército israelí, Jahed Ahnam era "un dos membros máis importantes da Xihad Islámica", que servira como comandante das operacións do grupo no sur de Gaza e se encargaba da coordinación co movemento islamita Hamas.

Nun comunicado posterior, a Xihad Islámica Palestina advertiulle a Israel de que tomaría vinganza.

"A resistencia comezará desde onde terminaron as batallas anteriores", advertiu mediante un comunicado Tariq Selmi, portavoz da Xihad en Gaza.

Suspendéronse as clases nas escolas de toda a contorna ao sur de Israel, que inclúe as cidades de Ashkelon, Ashod e Beersheva. A situación de emerxencia estará en vigor ata este mércores ás 18:00 hora local, á espera de avaliacións posteriores, e nas localidades da zona abríronse os refuxios antiaéreos públicos.

Nas localidades costeiras de Ashkelon e Ashod, pecháronse ao público as praias, así como as estradas de acceso, mentres que o hospital Soroka en Beersheba xa comezou a trasladar pacientes ás áreas fortificadas.

Israel estase preparando "para calquera escenario", o que pode significar varios días de escalada bélica coas milicias palestinas de Gaza, como a acontecida coa Xihad Islámica en agosto do ano pasado, ou en maio de 2021, que causara máis de 200 mortos palestinos e uns vinte do lado israelí.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade