Publicador de contidos
Publicador de contidos

Soben a tres os mortos, dous deles nenos, e a 74 os feridos no ataque de Beirut

Soben a tres os mortos, dous deles nenos, e a 74 os feridos no ataque de Beirut

Israel dá por morto un comandante de Hezbollah, pero a formación libanesa non o confirma

O primeiro ministro libanés afirma que reserva o dereito a responder a esta acción

A ambulancia que traslada os cadáveres dos nenos mortos no ataque israelí chega ao hospital Bahman de Beirut (Reuters). A ambulancia que traslada os cadáveres dos nenos mortos no ataque israelí chega ao hospital Bahman de Beirut (Reuters).
G24.gal 30/07/2024 19:15 Última actualización 31/07/2024 08:59

O número de mortos polo bombardeo israelí da noite deste martes contra un edificio nos suburbios meridionais de Beirut ascendeu a tres, entre eles dous menores, e o de feridos a 74, mentres continúan os labores de procura, informou o Ministerio libanés de Saúde Pública.

Segundo un comunicado do departamento gobernamental, o ataque causou a morte dunha muller, un neno e unha nena, mentres que a gran maioría dos 74 feridos xa foron dados de alta dos diferentes hospitais en que foron ingresados por mor da explosión.

Só nove das persoas feridas continúan ingresadas esta mañá, cinco delas en estado "crítico", con todo e as operacións de rescate seguiren aínda na zona pasadas preto de doce horas do bombardeo, indicou o ministerio na súa nota.

Israel dá por morto un comandante de Hezbollah, pero a formación libanesa non o confirma

O exército israelí asegurou que o seu bombardeo tamén matou a Fuad Shukr, a quen describiu como o "comandante militar de máis alto rango de Hezbollah" e como a "man dereita" do líder do movemento Hassan Nasrallah.

O Estado xudeu responsabilízao do ataque que o sábado matou doce menores nun campo de fútbol nos Altos do Golán, baixo ocupación israelí, e xa viña avisando desde había días de que respondería con dureza ese lanzamento dun proxectil, do que Hezbollah se desvincula.

A formación libanesa confirmou este mércores nun comunicado que Sukhr se atopaba no inmoble atacado pola noite, pero asegurou que aínda non se pode pronunciar sobre o seu paradoiro mentres os equipos de emerxencias seguen desentullando a área de forma "dilixente" pero "lenta".

Este é o primeiro ataque dirixido contra Hezbollah nos suburbios da capital desde o inicio das hostilidades entre as partes hai case dez meses, aínda que o pasado xaneiro a zona xa fora obxectivo doutro bombardeo que matou o número dous do movemento islamista palestino Hamas, Saleh al Arouri. 

O primeiro ministro libanés afirma que reserva o dereito a responder a esta acción

O primeiro ministro libanés Najib Mikati denunciou o ataque israelí como un "acto criminal" e afirmou que reserva o dereito a responder a esta acción.

"Estamos a preservar o noso pleno dereito a tomar todas as medidas que contribúan a disuadir a hostilidade israelí", dixo Mikati nun comunicado.

"A máquina de asasinar israelí non quedou satisfeita cos bombardeos nas zonas libanesas no sur e noutras partes e chegou hoxe á profundidade da capital, Beirut, e á distancia duns metros dun dos maiores hospitais no Líbano", dixo na nota.

"Este acto criminal que pasou hoxe é un elo na serie de operacións hostís que teñen como obxectivo os civís nunha violación clara e expresa da lei internacional humanitaria", aseverou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade