Israel di que debaterá a proposta de tregua no Líbano, pero insiste no seu obxectivo de guerra
Israel di que debaterá a proposta de tregua no Líbano, pero insiste no seu obxectivo de guerra
Á súa chegada a Nova York para intervir na ONU, Netanyahu reiteirou que Israel "seguirá golpeando a Hezbollah con todo o seu poder" ata alcanzar todos os obxectivos
Máis de 30.000 persoas chegaron a Siria fuxindo do novo conflito no Líbano segundo a ONU
A oficina do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, emitiu un comunicado esta madrugada anunciando que nos próximos días funcionarios se reunirán para discutir a proposta de cesamento do fogo no Líbano mediada polos EUA e Francia, e reiterou o obxectivo "compartido" de volver ás súas casas os 60.000 desprazados do norte.
"Os nosos equipos reuníronse (o xoves 26 de setembro) para analizar a iniciativa estadounidense e como podemos avanzar no obxectivo compartido de que as persoas regresen de maneira segura aos seus fogares", detalla o comunicado, que explica que foi a principios de semana cando os EUA compartiron con Israel "a súa intención" de presentar un acordo xunto a outros socios.
"Continuaremos esas conversacións nos próximos días", engade o texto. No comunicado, Israel di apreciar os "esforzos" dos EUA, aos que cualifican como "indispensables para promover a estabilidade e a seguridade na rexión".
Estas palabras prodúcense despois de que onte, nada máis aterrar en Nova York, onde Netanyahu intervirá hoxe ante a Asemblea Xeral da ONU, o mandatario reiterase que Israel "seguirá golpeando a Hezbollah con todo o seu poder" ata alcanzar todos os obxectivos, segundo declaracións aos xornalistas na mesma pista do aeroporto.
O mércores, unha iniciativa dos Estados Unidos e Francia, ademais doutra decena de países, propuxo un cesamento do fogo de 21 días na fronteira de Israel e Líbano, durante o que tamén se promoverían as negociacións para a liberación de reféns e unha tregua en Gaza.
Este xoves, despois de que a prensa, incluso a israelí, insinuase que o acordo era inminente, a oficina do primeiro ministro dixo nun primeiro comunicado que Netanyahu dera instrucións antes da súa viaxe para que "continuasen os combates con toda a súa forza e de acordo con os plans (castrenses) que lle foron presentados a el".
Ademais, en referencia ao enfrontamento bélico na Franxa de Gaza, por mor do cal Hezbollah iniciou os seus ataques contra o norte do Israel o pasado 8 de outubro, o comunicado insistiu en que Israel só lle poñerá fin "cando se logren todos os obxectivos da guerra".
Só nos masivos bombardeos israelís deste xoves, polo menos 92 persoas morreron e outras 153 resultaron feridas no Líbano, concentrados no leste e o sur do país, pero tamén en ataques contra os suburbios sur de Beirut, segundo o Ministerio de Saúde Pública.
Máis de 30.000 persoas chegaron a Siria fuxindo do novo conflito no Líbano segundo a ONU
Máis de 30.000 persoas cruzaron a fronteira cara a Siria fuxindo do conflito no Líbano e polo momento a maioría son sirios que escaparon do enfrontamento armado no seu propio país, dixo este venres a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), presente nos cruzamentos fronteirizos.
Varios pasos están abertos 24 horas ao día para permitir o paso de sirios e libaneses, a quen se está deixando entrar a Siria por un período indeterminado e sen presentar os documentos que se lles solicita habitualmente.