Publicador de contidos
Publicador de contidos

Israel estuda a súa resposta ao ataque de Irán

Israel estuda a súa resposta ao ataque de Irán

Netanyahu reune o seu gabinete de guerra 

A comunidade internacional intenta evitar unha escalada das hostilidades

Antón Montero 15/04/2024 18:54 Última actualización 15/04/2024 19:14

O gabinete de guerra israeli reuniuse por segunda vez desde o ataque iraniano do pasado sábado. O Goberno de Netanyahu está dividido entre os partidarios de devolver o golpe de xeito inmediato e os que piden contención.

O presidente dos Estados Unidos Joe Biden pediulle ao primeiro ministro israelí que se absteña de atacar o réxime islámico, un paso que podería desembocar nunha guerra aberta.

"Nas últimas 36 horas estivemos coordinando unha resposta diplomática para evitar unha escalada", explicaba o secretario de Estado estadounidense Anthony Blinken.

"Se reaccionan outra vez contra os nosos intereses, a nosa segunda resposta será moito máis dura", dicía hoxe o embaixador de Irán en España.

Teherán insiste en que o do sábado foi unha resposta equilibrada e que se limitou ás dúas bases israelís desde as que se lanzou o un de abril o bombardeo contra o seu consulado en Damasco.

Dous dos países que axudaron a Israel a repeler o ataque, o Reino Unido e Francia, pediron hoxe moderación ao réxime xudeu. "Pedímoslles aos nosos amigos israelís que pensen tanto coa cabeza como co corazón", dixo o responsable de exteriores británico David Cameron. Contención foi a palabra usada polo presidente francés Emmnauel Macron.

Desde o bloque máis próximo a Irán, tamén A China ou Rusia instaron as partes a solucionaren as diferenzas por medios diplomáticos.

Dous días despois do ataque, a normalidade volveu ás rúas de Xerusalén: tamén Teherán reabriu o seu espazo aéreo, un aparente sinal de que non esperan unha vinganza inmediata.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade