Publicador de contidos
Publicador de contidos

Israel mantense alerta tras interceptar máis de 300 proxectís iranianos

Israel mantense alerta tras interceptar máis de 300 proxectís iranianos

O Consello de Seguridade da ONU reúnese de urxencia este domingo a pedimento de Israel

Biden dá o seu apoio a Netanyahu tras un ataque "sen precedente" e buscará resposta do G7

Actividade no Centro de Control da Forza Aérea israelí durante o ataque (EFE) Actividade no Centro de Control da Forza Aérea israelí durante o ataque (EFE)
G24.gal 14/04/2024 07:52 Última actualización 14/04/2024 14:59

O Exército israelí informou preto das catro da madrugada que a súa poboación xa non necesita permanecer en refuxios ou búnkeres, despois de confirmar a interceptación de máis de 300 mísiles e foguetes iranianos, a maioría fóra do seu espazo aéreo, segundo medios locais.

Segundo o voceiro castrense, Daniel Hagari, ningún dos 170 drons lanzados por Irán alcanzaron territorio israelí. Ademais, interceptaron 25 dos 30 mísiles de cruceiro enviados e os máis de 120 mísiles balísticos.

"O 99 % das ameazas lanzadas contra territorio israelí foron interceptadas, un logro estratéxico moi significativo”, asegurou nunha conferencia de prensa.

Con todo, continúan as restricións do número máximo de persoas que poden reunirse en espazos públicos, non máis de 100 preto das áreas fronteirizas, así como as prohibicións de viaxes ou excursións escolares, xa que o alumnado está nas vacacións de Pascua.

Segundo o portavoz castrense, Daniel Hagari, unha base militar sufriu danos leves no sur do país, na rexión de Néguev, tras ser golpeada por "mísiles iranianos", e polo momento, só unha nena beduína, de 10 anos, quedou ferida de gravidade na cabeza por un impacto de metralla.

Non hai mortos polos ataques, e segundo o portavoz, a maioría das interceptacións producíronse fóra das fronteiras israelís, grazas á axuda "dos sistemas (antiaéreos)" xudeus e dos seus socios, como os EUA ou O Reino Unido.

Irán atacou este sábado a Israel con centos de drons e mísiles como represalia polo recente ataque contra o consulado iraniano en Damasco, que matou sete membros da Garda Revolucionaria iraniana e que Teherán atribúe ao Estado hebreo.

As alarmas antiaéreas soaron esta noite ao longo do país, entre eles na cidade de Xerusalén, onde se escoitaron ademais media ducia de explosións por mor de interceptacións en lugares emblemáticos como o parlamento ou a Chaira das Mesquitas.

O ceo de Xerusalén tras o ataque iraniano (Reuters) O ceo de Xerusalén tras o ataque iraniano (Reuters)

Reunión urxente

O Consello de Seguridade da ONU celebra este domingo unha sesión de emerxencia, solicitada por Israel, para tratar os ataques de Irán contra o estado hebreo e algúns dos seus territorios ocupados.

A reunión foi solicitada polo embaixador israelí Gilad Erdan e ao pouco tempo aceptada pola presidencia de Malta, que este mes encabeza o Consello. Terá lugar ás 4 da tarde hora local.

Israel pedira que esa reunión servise "para condenar inequivocamente a Irán" polas súas "graves violacións" e para designar á Garda Revolucionaria iraniana (corpo militar de elite) como organización terrorista.

Nun comunicado, o embaixador lembra que "a gravidade e volume destes ataques non teñen precedente", e afirma que "Irán supón unha ameaza directa á paz internacional, que viola abertamente a carta da ONU e as resolucións do Consello de Seguridade".

Actividade no Centro de Control da Forza Aérea israelí durante o ataque (EFE) Actividade no Centro de Control da Forza Aérea israelí durante o ataque (EFE)

Biden apoia a Netanyahu

O presidente estadounidense, Joe Biden, garantiulle ao primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, o seu apoio fronte a Irán. Asegurou que as súas forzas contribuíron a frear o ataque e avanzou que convocará os seus homólogos do G7 para coordinar unha resposta diplomática.

"Díxenlles que Israel demostrou unha capacidade salientable para defenderse e mesmo derrotar ataques sen precedentes", dixo nun comunicado difundido pola Casa Branca.

Na nota, subliña que os EUA axudaron a Israel esta noite a "derrubar case todos os drons e mísiles entrantes" lanzados por Irán ou as súas milicias aliadas na rexión, que o Ministerio de Defensa israelí cuantificou en algo máis de 200.

A semana pasada o Exército estadounidense trasladou avións e destrutores de defensa contra mísiles balísticos á rexión. Segundo informou o Pentágono, as súas forzas se manteñen en alerta na zona para protexer os seus soldados e aliados.

Biden condenou o ataque iraniano "coa maior firmeza posible" e lembrou que se orixinou, non só en Irán, senón tamén en Iemen, Siria e Iraq, onde operan milicias aliadas de Teherán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade