Israel reprende a embaixadora española polo anuncio do recoñecemento de Palestina
Israel reprende a embaixadora española polo anuncio do recoñecemento de Palestina
Tel Aviv di que o anuncio de España "cospe na cara do pobo israelí"
Díaz Ayuso acusa o Goberno de dicirlle a Hamas: "Ti, mata, que eu che darei un estado"
Nunha conversa telefónica, o líder da Autoridade Nacional Palestina Mahmud Abbas agradeceulle a Pedro Sánchez o recoñecemento do seu pobo como Estado.
Menos cordiais foron as palabras que tivo que escoitar a embaixadora española, xunto cos de Noruega e Irlanda, no ministerio de Exteriores israelí. A reprimenda incluíu a proxección dun vídeo de Hamas con algunhas das reféns secuestradas o 7 de outubro.
Pese a que a embaixadora Ana María Salomón insistía en que "España é un amigo de Israel", a ira do executivo hebreo non diminúe: "É unha declaración que cospe na cara do pobo israelí mentres loitamos nunha guerra pola nosa supervivencia", dixo o voceiro do goberno israelí Avi Hyman.
O ministro de Exteriores José Manuel Albares insistía en que o recoñecemento non só é de xustiza para o pobo palestino. "Tamén o facemos polo pobo de Israel. Porque todos sabemos que, se non implementamos a solución dos dous estados nunca haberá paz para Oriente Medio", explicou.
O líder do Partido Popular cre que o anuncio é unha provocación: "No medio da guerra, botamos máis leña á guerra", lamentou Alberto Núñez Feijóo.
Pero o que indignou o Goberno foron as palabras de Isabel Díaz Ayuso. A presidenta da Comunidade de Madrid dixo: "Pretenden que as democracias fagan con Hamas o mesmo que con ETA: ti, mata, que eu che darei unha comunidade autónoma; ti, mata, que eu che darei un estado".
"Paréceme absolutamente vergonzoso o que a señora Ayuso puxo na boca. O silencio do señor Feijóo é atronador", dixo a vicepresidenta primeira María Jesús Montero.
Outro roce con Israel chega por esta expresión usada por Yolanda Díaz: "Palestina será libre desde o río ata o mar", unha consigna tradicional do nacionalismo palestino que provocou a repulsa da embaixadora israelí en España. Rodica Radian-Gordon asegura que é un lema de Hamas e que defende a eliminación de Israel.