Jáuregui salva o debut do Rácing
Jáuregui salva o debut do Rácing
O dianteiro debutante marcou os dous goles para remontar o Málaga(2-2)
O Rácing de Ferrol recibiu o Málaga no seu debut nesta nova campaña na Liga Hypermotion. Os de Cristóbal presentáronse na Malata con ata sete caras novas no once titular, e máis no banco de suplentes.
O Málaga entrou mellor ao partido, e durante dez minutos intento levar o peso do xogo sen xerar gran perigo. Despois deste tempo, as pezas do Rácing foron ensamblándose axeitadamente e o encontro cambiou. Foi a balón parado que os de Cristóbal conseguiron xerar máis perigo, especialmente con dúas ocasións moi claras de Puric e Luis Perea. Pasada media hora eran os locais os que controlaban un pouco máis o xogo, pero sen conseguir materializar.
Cando xa se enfilaba o tempo de lecer, apareceu o habilidoso Kevin Medina e adiantou aos seus cun tremendo zapatazo imparable para Jesús Ruíz. O Rácing víase cun golpe inesperado e tivo que axustarse ao descanso para poder cambialo.
O segundo tempo empezou mal para o Rácing, sen conseguir conectar para progresar co balón, e o Málaga estaba mellor colocado no campo. Non foi ata a entrada dun dos nomes do partido, Eneko Jáuregui, que os papeis cambiaron. O dianteiro debutante primeiro rabuñou un balón que quedara solto tras un tiro de Luis Perea para empatar o partido.
A partir das táboas o Rácing parecía soltarse máis, pero o Málaga volveuse adiantar case no minuto 80 grazas a Antoñito, que remataba de entrar. Non obstante, Eneko Jáuregui non lles deu esperanzas aos andaluces, e volveu empatar o encontro tan só 3 minutos despois.
Nos últimos dez minutos ningún dos dous equipos tivo ocasións demasiado claras, mais si intentos febrís. Nin o Rácing nin o Málaga conseguiron adiantarse e o resultado de 2-2 mantívose co asubío do colexiado.
Empate do Rácing no seu primeiro partido nesta campaña. Moitas caras novas neste equipo ferrolán, algunhas delas requirirán de máis tempo para adaptarse pero outras caeron de pé na Malata.