Publicador de contidos
Publicador de contidos

Johnson rebélase contra o seu partido e négase a renunciar pese ás dimisións

Johnson rebélase contra o seu partido e négase a renunciar pese ás dimisións

O primeiro ministro británico está reunido cos seus ministros e móstrase "desafiante"

En menos de 24 horas dimitiron máis de 30 altos cargos e o partido comunicoulle a súa perda de confianza nel

Varios ministros pedíronlle directamente que abandone o cargo

Boris Johnson, este mércores, na Cámara dos Comúns Boris Johnson, este mércores, na Cámara dos Comúns
G24.gal 06/07/2022 14:25 Última actualización 06/07/2022 22:52

O primeiro ministro británico, o conservador Boris Johnson, négase a dimitir pese ao aluvión de dimisións e a crecente presión por parte de membros do seu Gabinete e dos seus deputados.

O líder tory está reunido na sede do Goberno en Downing Street, a súa oficina e despacho oficial, cos seus ministros antes de decidir os seus próximos pasos.

Pero unha fonte do executivo desvela que non ten ningunha intención de renunciar ao seu cargo e que se amosa "absolutamente desafiante" co partido.

Varios ministros pedíronlle directamente que se vaia

Esa fonte de Downing Street asegura que o dirixente conservador quere "loitar" e pode facer novos nomeamentos hoxe mesmo despois de que nas últimas horas máis de 30 altos cargos do seu Goberno deixasen os seus postos en masa.

Diferentes medios revelan así mesmo que un "desafiante" Johnson rexeitou os chamamentos dos seus colegas no Gabinete para marchar durante unha reunión en que se lle comunicou que perdeu a confianza do partido e se lle trasladou que, desta maneira, non podería continuar no cargo.

Os titulares do Interior Priti Patel, Empresas Kwasi Kwarteng, Transporte Grant Shapps e para Gales Simon Hart figuran entre os ministros que pediron explicitamente a Johnson que se vaia.

Conforme a estas informacións, Patel suxeriulle que acate a "postura esmagadora" do grupo parlamentario, mentres que Shapps sostén que Johnson ten poucas opcións de gañar outra moción de censura interna e debería fixar un calendario para marchar nos seus propios termos.

A resistencia de Johnson podería provocar máis dimisións nas próximas horas

Con todo, ao parecer, Johnson rexeitaría as suxestións que o cominan a buscar "unha saída máis digna" e indicou que loitará polo seu futuro político, algo que podería desatar aínda máis dimisións dos seus colegas de gabinete.

Unha fonte próxima asegura que Johnson dixo aos seus compañeiros que habería "caos" se dimitise e que o partido, case con toda seguridade, perdería as próximas eleccións xerais.

Boris Johnson, sumido nunha profunda crise política pola renuncia de varios membros do seu Goberno, xa dixo este mércores no Parlamento que a súa intención é "seguir" á fronte do Executivo.

Johnson compareceu hoxe na sesión de control na Cámara dos Comúns, na que tanto os partidos da oposición como algúns deputados conservadores lle esixiron a renuncia por mor da serie de escándalos que salpicaron o seu mandato.

"O traballo dun primeiro ministro en tempos difíciles, en circunstancias en que se lle deu un mandato colosal (polas eleccións xerais de 2019), é seguir adiante, e iso é o que vou facer", afirmou o xefe do Goberno. 

Johnson, que onte recibiu as renuncias de Rishi Sunak como titular de Economía e de Sajid Javid como ministro de Sanidade, fixo esta afirmación despois de que o deputado tory Tim Loughton lle preguntara en que circunstancias o premier cría que podía dimitir.

"Cando os momentos son duros e o país afronta presións económicas, coa maior guerra en Europa en 80 anos (Ucraína), é o momento en que un espera que un Goberno continúe co seu traballo e non marche", puntualizou o primeiro ministro.

Johnson afronta hoxe unha hemorraxia de dimisións no seu Goberno, na súa maioría de secretarios de Estado, despois do último escándalo arredor do deputado Chris Picher.

O primeiro ministro recoñeceu onte, tras negalo nun principio, que si sabía que Pincher, exresponsable da disciplina do grupo parlamentario conservador, fora investigado no pasado por comportamentos desapropiados con outros homes.

No medio das presións para que dimita, o líder conservador dixo que o seu Goberno está centrado en axudar as familias en todo o país a superaren a crise pola alza da inflación e avanzou que se dispón a recortar impostos para 30 millóns de cidadáns.

O líder conservador superou recentemente unha moción de censura interna do seu partido, pero a votación evidenciou o descontento do 41% dos parlamentarios tories coa súa xestión e coa serie de escándalos, como as festas en Downing Street durante a pandemia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade