Publicador de contidos
Publicador de contidos

Jorge Cebreiros: "A cifra de 6.000 millóns de euros creo que é unha excusa para incrementar o custo da AP-9"

Jorge Cebreiros: "A cifra de 6.000 millóns de euros creo que é unha excusa para incrementar o custo da AP-9"

O presidente da patronal de Pontevedra denuncia o "agravio comparativo" que sofre Galicia coa Autoestrada do Atlántico

Cualifica de "deriva moi negativa" un eventual trato singular a Cataluña no futuro sistema de financiamento autonómico

O ministro de Transportes ponlle prezo ao rescate e ao traspaso da AP-9: "Se alguén pon os cartos, nós encantados"

G24.gal 15/06/2024 10:46 Última actualización 15/06/2024 12:47

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra -CEP-, Jorge Cebreiros, cualifica de "escusa" a cifra de 6.000 millóns euros estimada polo Ministerio de Transportes para rescatar a Autoestrada do Atlántico,  a AP-9. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Cebreiros asegura que se xa anteriores cifras lle pareceron excesivas, a última ofrecida polo ministro Óscar Puente parece un argumento para "trasladarlle á sociedade que os galegos estamos reclamando algo que non é xusto". 

"Inicialmente cando se empezou a falar xa disto no Parlamento de Galicia se falaba na contorna dos 1.000 -1.200 millóns de euros. A cifra de 2.000 xa nos parece excesiva, a de 4.000 desorbitada e a de 6.000 eu creo que é unha escusa para ir incrementando cada vez máis o custo e ir trasladándolle á sociedade que os galegos estamos reclamando algo que non é xusto".

 O presidente da patronal de Pontevedra considera que a situación da AP-9 é un "agravio comparativo" con outras comunidades nas que se liberaron as peaxes e que "lastra a competitividade" de Galicia.

Financiamento autonómico

O presidente da patronal de Pontevedra rexeita trato diferencial entre comunidades á hora de abordar o financiamento autonómico e un posible trato singular a Cataluña. Jorge Cebreiros considera contraditorio que na era da "unidade do mercado" se partille dentro dun mesmo país por intereses políticos. 

"Todo isto ten que ser parte dunha negociación seria onde estean todos os representantes das comunidades autónomas xunto co Goberno central e non como consecuencia de apoios políticos en momentos determinados, primar o financiamento dunhas comunidades sobre outras. Os cidadáns dun territorio non teñen que pagar as festas ou os excesos que se producen por parte dos gobernantes noutros territorios".

Inflación e redución da xornada laboral

Noutra orde de asuntos, o presidente da patronal  de Pontevedra considera "necesaria" a prórroga das medidas para paliar a inflación anunciada polo Goberno central e di apreciar avances na negociación sobre a redución da xornada laboral. Segundo explicou, grazas á actitude dos axentes sociais -que non da ministra de Traballo- se está falando de como se podería aplicar esa redución e ata di que se está abordando un posible aumento das horas extras. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade