Jorge Prado afronta en Italia a primeira posibilidade de lograr o título de MXGP
Sácalle 67 puntos a Romain Febvre a falta de dúas probas para rematar o Mundial de motocrós
Será campión do mundo si sae de Maggiora cunha marxe de 61 puntos
Jorge Prado afronta a primeira das dúas posibilidades que ten de ser campión do mundo de motocrós e facer historia no deporte en Galicia e en España.
Logo de percorrer un longo camiño que principiou na Arxentina alá polo mes de marzo Prado foi o máis regular ata o de agora. Non o que máis triunfos conseguiu pero sempre se mantivo entre os mellores liderando o campionato e mantendo a raia aos seus dous grandes rivais, Jeffrey Herlings e Romain Febvre.
A agresividade de Herlings levouno ao chan cando estaba preto de Prado e descartouno na pelexa. Febvre leva dous meses de remontada pero a solidez do piloto lucense permítelle chegar a Maggiora con 67 puntos de vantaxe.
As contas son claras. En cada grande premio póñense en xogo 60 puntos. Prado pode permitirse o luxo de perder 6 co seu gran rival en toda a fin de semana (son 10 puntos os que gaña a cualificación, 25 o da primeira manga e 25 o da segunda). Será un reto vista a fortaleza de Febvre pero está ao alcance de Jorge Prado.
Aos seus 22 anos e con dous mundiais de MX2 nas súas costas, pode pechar o círculo polo que pelexou desde que era un neno. As probas verémolas o domingo ás 13:00 horas (G24.gal/deportes) e 16:00 (na G2 e G24).