Jorge Prado xa lle saca máis de cen puntos ao segundo do MXGP
Jorge Prado xa lle saca máis de cen puntos ao segundo do MXGP
Acadou o segundo posto no GP de Indonesia e suma 505 puntos, 101 máis que Febvre
Rubén Fernández caeu e tivo que remontar na segunda manga pero non chegou aos postos de privilexio
Jorge Prado consolida o primeiro posto á fronte do Mundial de motocrós. Gañou unha das mangas en Indonesia e quedou na terceira posición na segunda. O triunfo final foi para Febvre, que pasa a ser o segundo do MXGP, pero a 101 puntos do galego.
A primeira manga deixounos a vitoria de Prado. O piloto lucense estivo moi sólido, rodando na segunda posición xusto por detrás dun ambicioso Romain Febvre. O piloto francés marchaba con catro segundos de vantaxe cando, a cinco minutos para o final dos 30, cometeu un erro que o levou ao chan. Iso aproveitouno Prado para pasarlle e sumar un novo triunfo.
Rubén Fernández saiu no sexto posto, remontou unha praza e mantivo o quinto logo de ter unha batalla moi pechada con Vlaanderen.
Na segunda manga Febvre volveu a saír moi forte pero desta volta xa non cometería ningún erro. Gañou a carreira e levou o Grande Premio. Prado colleu a segunda praza e nas últimas tres voltas non foi quen de aguantar o ataque de Seewer.
Rubén Fernández caeu na saída e tivo que remontar desde o 17º posto. Acabou na sexta praza, un bo resultado pero co que rematou lonxe das posicións de privilexio para entrar no podio.