Jorge Prado asina co equipo Kawasaki para iniciar a aventura nos Estados Unidos
Jorge Prado asina co equipo Kawasaki para iniciar a aventura nos Estados Unidos
O catro veces campión mundial de motocrós establecerase en California para participar en tres campionatos
O seu pai xa anunciara aos micrófonos da Televisión de Galicia que Jorge Prado non seguiría no MXGP despois de gañar os dous últimos mundiais (catro en total contando as dúas categorías) e que se trasladaba a California para iniciar a aventura nos Estados Unidos.
Faltaba por saber cal ía ser o novo equipo e o piloto de Lugo anunciou a súa fichaxe polo Monster Energy Kawasaki co que participará no AMA Supercrós, no AMA Pro Motocrós e as series SuperMotocrós. No mes de xaneiro de 2024 xa correu unhas probas preparando o cambio e como pretemporada do MXGP pero coa idea do cambio na cabeza.
O equipo Kawasaki é un dos máis potentes do campionato nos Estados Unidos con máis de trescentas vitorias e 31 campionatos. Compartirá montura con nomes moi importantes como Levi Kitchen, Cameron McAdoo, Seth Hammaker, Garrett Marchbanks e Ty Masterpool.