Publicador de contidos
Publicador de contidos

Jorge Quindimil: "Haberá un recruamento da guerra en Ucraína tras o atentado en Rusia"

Jorge Quindimil: "Haberá un recruamento da guerra en Ucraína tras o atentado en Rusia"

O profesor de Dereito Internacional e da Unión Europea na Universidade da Coruña sostén que Putin usará como pretexto o atentado para intensificar os ataques

Asegura que o presidente ruso rexeita a autoría do Estado Islámico porque evidencia a súa incapacidade para garantir a seguridade dos seus cidadáns

G24.gal 25/03/2024 10:42

O profesor de dereito internacional e da Unión Europea da Universidade da Coruña, Jorge Quindimil, sinala o autodenominado Estado Islámico como autor do atentado no centro comercial rexistrado o pasado venres en Rusia e que deixa, polo momento, 137 persoas falecidas e centos de feridos. Nunha entrevista no Galicia por diante, Quindimil sostén que esa é a hipótese "máis crible" porque o ISIS vén de "reactivarse". 

Quindimil lembrou, entre outras cuestións, que Rusia actuou contra o Estado Islámico en Siria polo que "hai unha motivación moi clara de vinganza". 

Rexeita a hipótese, que se sostén desde o Kremlin de que as autoridades ucraínas poderían estar detrás do atentado. Así apuntou que "non ten sentido a autoría por parte de Ucraína porque que conseguiría con isto? A quen beneficia un atentado así? Non é a Ucraína que precisa máis apoio que nunca. Perdería o apoio internacional e a lóxica da súa loita. Ucraína non precisa utilizar esta vía". Tampouco ve verosímil outra das hipóteses que apuntan que a operación estaría planeada polos servizos especiais do Kremlin como pretexto para intensificar a agresión contra Ucraína e xustificar unha nova mobilización de reservistas. Quindimil cre que "Putin non precisa escusas para escalar no conflito en Ucraína". 

Cre que Putin insiste en que non foi o Estado Islámico "porque iso poñería en evidencia o seu control e a súa capacidade para garantir a seguridade dos seus cidadáns. Hai que pensar que no fondo, Putin non controla tanto a situación como tiñamos pensando" e apunta que "a imaxe de fortaleza do presidente ruso, con este atentado, está moi en cuestión". 

Con todo, Quindimil cre que o atentado non lle vai pasar factura pola propaganda, o control dos medios de comunicación e a ausencia dunha oposición. Asegura que "utilizará o atentado para incrementar a imaxe de fortaleza en Rusia. Non vai callar a idea de que foi o Estado Islámico, senón que foron os Estados Unidos, a pérfida da OTAN, a pérfida de Occidente, Ucraína...".

O profesor da Universidade da Coruña, cre que haberá un recruamento da guerra en Ucraína porque "agora ten que lanzar unha mensaxe clara con algún tipo de represalia. De feito algúns medios chineses xa falan disto". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade