Jorge Vilda: "Cesáronme inxustamente, non o agardaba"
Jorge Vilda: "Cesáronme inxustamente, non o agardaba"
Falou tamén da nova seleccionadora: "Montse ten grandes retos por diante, un equipo redondo, deixo un legado"
Jorge Vilda, exseleccionador español de fútbol feminino, cre que o seu cesamento é "inxusto"; "non esperaba" a destitución a pesar dos rumores dos últimos días sobre o seu futuro, e desvelou que o contrato para a súa renovación por catro tempadas estaba "perfeccionado" despois de conquistar o Mundial.
O técnico español, cesado por mor da polémica xerada con Luis Rubiales, presidente da RFEF suspendido das súas funcións desde o pasado 26 de agosto pola Comisión Disciplinaria da FIFA, levaba no cargo desde o 30 de xullo de 2015, cando substituíu a Ignacio Quereda.
Foi o cuarto técnico da selección feminina, tras Rafael Muga e Teodoro Nieto. Ese mesmo día, o 26 de agosto, once compoñentes do corpo técnico da selección española feminina, entre os que non estaba Jorge Vilda, puxeron os seus cargos ao dispor da RFEF en apoio a Jenni Hermoso e ao resto das xogadoras internacionais, tras os feitos protagonizados ao acabar a final mundialista polo presidente Luís Rubiales, que se tocou os xenitais no palco de autoridades sinalando, segundo afirmou, a Vilda, e bicou na boca a xogadora do Pachuca mexicano:
"Estou todo o ben que se pode estar despois de ser campioa do mundo hai dezaseis días, hai dez días estar renovado por catro anos máis cun salario maior e hoxe ser cesado inxustamente", dixo Jorge Vilda na Cadena SER.
Falou tamén de Montse Tomé, a nova seleccionadora:
"Montse ten grandes retos por diante, queda un equipo redondo, deixo un legado".
"Hai un estilo de xogo recoñecible, o método. Montse vaino aproveitar e facelo ben".
Por último, Jorge Vilda dixo estar "moi orgulloso do conseguido" durante todo este tempo á fronte da selección española.