"Pedimos unha moratoria das trabas burocráticas da PAC que asfixian o agro"
"Pedimos unha moratoria das trabas burocráticas da PAC que asfixian o agro"
O conselleiro do Medio Rural, José González, esíxelle ao Goberno estatal unha defensa "contundente" do sector español no Consello europeo do día 26
Considera "insuficiente" o paquete de 18 medidas propostas a semana pasada polo ministro Luis Planas, ao entender que non se centra en "cuestións fundamentais"
O conselleiro do Medio Rural, José González, pide unha "moratoria" da política agraria común (PAC) que "está poñendo trabas burocráticas aos agricultores e gandeiros e que trae consigo que se poña en perigo a súa viabilidade económica". Así o expresou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.
Explica que "a moratoria ten que ver co caderno dixital, con todo o que ten que ver coa rotación de cultivos, o decreto de produción sostible dos solos, en definitiva, todo o que ten que ver coa flexibilización dos ecoesquemas, e, sobre todo, que desde Bruxelas haxa unha lexislación que non sexa igual para todo o territorio da Comunidade Europea, senón que se vaia aplicando en función das características de cada territorio, que é outra das demandas dos agricultores e gandeiros".
O conselleiro do Medio Rural culpa a Comisión Europea de estar lexislando nos últimos anos de costas ao sector primario, e afirma que "mentres hai a reflexión estratéxica que sobre estes asuntos quere abrir Europa, en que deben participar as comunidades autónomas, pedimos que se poña en marcha esa moratoria que pretende evitar esas trabas burocráticas que están asfixiando aos nosos agricultores e gandeiros".
José González cualifica de "claramente insuficiente" o paquete de 18 medidas propostas a semana pasada polo ministro de Agricultura, Luis Planas, para tratar de mellorar a situación do sector e atender ás dúas demandas, ao entender que se centra en "cuestións colaterais e non fundamentais".
Neste senso, di que "o que non pode facer o ministro [Luis Planas] é desviar a atención e ten que defender dunha forma contundente a posición dos agricultores e gandeiros fronte a Bruxelas. O problema está nestes momentos nunha lexislación europea que deriva logo nunha serie de normativa nacional que está asfixiando aos nosos agricultores e gandeiros".
Entre os asuntos que considera "fundamentais" está a esixencia de "cláusulas espello" nos acordos da Unión Europea con terceiros países. "Se non hai cláusulas espello, se non hai ese principio de reciprocidade nos tratados internacionais, o que estamos ante unha competencia desleal dos produtos agroalimentarios [de terceiros países] sen esas esixencias que teñen os nosos produtos e que están entrando a un prezo moi inferior" que os produtos europeos.
Despois da reunión deste pasado luns do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios presidido polo ministro Luis Planas, o conselleiro do Medio Rural lamenta que non se están tendo en conta as recomendacións que se lle fan ao Goberno estatal desde as comunidades autónomas, entre elas a Xunta de Galicia. "Eu díxenlle [ao ministro] que se el asumía esa posición de forza e se posicionaba nesta liña que estamos mantendo, ía ter o apoio incondicional da comunidade autónoma galega".
Sobre as protestas do sector que se inician este martes en Galicia, José González afirma que "estando a carón das súas demandas e respectando o seu dereito a manifestarse, o que si pido é que sexan manifestacións pacíficas".