José Manuel Estévez Sáa: "Biden parecía que xustificaba o seu cargo ante Trump no debate"
José Manuel Estévez Sáa: "Biden parecía que xustificaba o seu cargo ante Trump no debate"
O profesor da UDC e analista de política internacional cre que Trump sairía elixido de se celebrar hoxe os comicios
O profesor da UDC e analista de política internacional, José Manuel Estévez Sáa, analizou no Galicia por diante o debate electoral nos Estados Unidos entre o aspirante á reelección, o demócrata Joe Biden e o republicano Donald Trump.
Estévez Sáa apunta que "o debate estaba configurado para favorecer a Biden e favoreceu a Trump" e destaca que "Biden parecía xustificar o seu cargo ante Trump". Segundo dixo, o republicano empezou moi forte, pero "moderando, non sendo tan farfallán, algo que lle resultou negativo no debate do 2020 e que inclinou a balanza sobre Biden", e engadiu que "a súa vitalidade, a súa forza, facía que mesmo as mentiras parecesen realidade".
Pola contra, explicou, o demócrata estaba "rouco, de cando en vez as súas respostas mesmo parecían erráticas. En de súpeto, o seu equipo de campaña filtrou aos medios que viña dun arrefriado. Cando non se avisa antes, parece unha xustificación motivada pola desorientación que amosou sobre todo ao principio".
Á pregunta de se o partido demócrata podería cambiar de candidato, Estevez Sáa considera que podería pasar porque aínda quedan por diante catro meses ata o 5 de novembro. Ademais lembrou que a convención dos demócratas, na que se proclamará a Biden como candidato oficial, celebrarase o 19 de agosto. Cree que Biden podería renunciar e entrar nunha convención aberta na que o partido presente outro candidato "máis solvente". Destaca que a remuda pode ser unha solución cando "xorde unha enfermidade ou cando hai un erro grande do que se fan eco as redes sociais".
Estévez Sáa apuntaba que malia situación xudicial que prexudica a Trump, a balanza está hoxe "inclinada sobre Trump". Afirmou que "o equipo de Biden vai ter que traballar moito se quere achegarse ao 5 de novembro con solvencia para gañar. Neste intre, se houbese que apostar, Trump sería o elixido".