Publicador de contidos
Publicador de contidos

Miñones: "Galicia vai moito máis avanzada que Portugal na conexión por AVE de Vigo-Lisboa"

Miñones: "Galicia vai moito máis avanzada que Portugal na conexión por AVE de Vigo-Lisboa"

"Os orzamentos do Estado destinan a cada galego 400 euros, 116 euros máis que para a media estatal", explica o delegado do Goberno

"A secretaria de Estado xa dixo que a finais deste mes de outubro teriamos o informe dos expertos técnicos sobre a derruba da A-6"

"Imos deixar a pel para que non se cometa esta inxustiza" coa pesca de fondo

"Espero que se faga xustiza e se asuman as responsabilidades que se teñan que asumir", di sobre o xuízo do Alvia

G24.gal 11/10/2022 11:51

"Unha semana para a historia", así definiu o delegado do Goberno en Galicia os últimos sete días, en referencia á celebración na Coruña do cumio hispano-alemán, á aprobación dos presupostos xerais para 2023 e á presenza de tres ministros en diferentes actos na nosa comunidade, como a Comisión Interterritorial de Sanidade.

José Miñones, delegado do Goberno, estivo esta mañá no espazo da entrevista do informativo 'Bos días' de Televisión de Galicia e engadiu que con eventos así "poñemos Galicia no lugar que merece".

 "Son uns orzamentos de servizo social, de protección das persoas", asegura Miñones

O delegado do Goberno explica por que os presupostos xerais do Estado para o 2023 en Galicia son as "contas máis sociais da historia". 

"Son uns orzamentos de servizo social, de protección das persoas. Así o van ver os 815.000 pensionistas que temos aquí en Galicia cando a partir de xaneiro vexan que lle incrementa a pensión un 8,5 % mensualmente; vano ver os bolseiros, 80.000 bolsas de estudo en Galicia, que van ver como se incrementa a contía; tamén se vai incrementar o ingreso mínimo vital; as máis de 30.000 familias que van recibir o bono de 100 euros. Eu síntome orgulloso dun Goberno polo social, por estes colectivos o mesmo que mira polos traballadores públicos, que se lles aumenta contía económica ata ese 5 %".

José Minones di que non entende que "se critiquen uns orzamentos que ten esas contías económicas tan importantes para a xente".

Galicia recibirá 1.077,88 millóns de euros, tres décimas máis que o ano pasado, se non se ten en conta a partida de Defensa. O Partido Popular e o BNG critican que os orzamentos para Galicia son os mesmos do ano pasado e mesmo cousas que non se executaron o ano pasado. O delegado do Goberno di que dicir iso "é faltar a verdade, dicir que son uns orzamentos que discriminan a Galicia". 

"Os orzamentos destinan a cada galego 400 euros, 116 euros máis que para a media estatal"

Explica Miñones que cando se mira o que "se inviste por cada galego nos orzamentos, saen 400 euros. Se mira a media de investimento en España verase que son 116 menos. Iso significa que cada galego e galega recibe 116 euros máis que a media de España. Se falamos de discriminación, é unha discriminación positiva para Galicia. Galicia é a cuarta comunidade autónoma en cuanto a investimento neste orzamento".

Galicia vai recibir segundo Miñones uns 1.200 millóns de euros, "un 14% máis". O delegado de Goberno explica cando se di que se aumentou só un 3 % é porque non se está contabilizar "o que antes se contabilizaba, que é a partida de Defensa". "O ano pasado aparecía a partida de Defensa e este ano non aparece, e son 125 millóns máis". "O do ano pasado xa era un orzamento de record, subira un 21%", explica o delegado do Goberno.

"Galicia vai moito máis avanzada que Portugal na conexión por AVE de Vigo-O Porto-Lisboa"

A maioría dos cartos destinados a Galicia nos orzamentos irán a infraestruturas, sobre todo ao ferrocarril, di Miñones e engade que o Goberno de España e Portugal levan falando tempo da conxión Vigo-Valença e que existe "un compromiso por ambos Gobernos".

Esa conexión que se pretende entre Galicia-O Porto-Lisboa "xa ten moitos máis quilómetros realizados en Galicia que en Portugal. Pero o importante non é o que temos realizado; son os proxectos que se están estudando e teño que dicir que Galicia vai moito máis avanzada que Portugal, con estudos xa realizados, e agardamos no ano 2023 poidamos telos pechados".

"A secretaria de Estado xa anunciou que a finais deste mes e outubro teriamos o informe dos expertos técnicos sobre a derruba da A-6"

Sobre a contundencia da Xunta dicindo que o Goberno central oculta a orixe da derruba do viaduto da A-6 en Pedrafita, do delegado do Goberno di que "é moi irresponsable dicir iso. Estamos falando dun traballo que están levando a cabo técnicos do Ministerio, pero tamén expertos de empresas e que ademais se está a falar tanto coa Consellería (de Infraestruturas da Xunta) como coa Consellería de Castela e León. Que un viaduto se veña a baixo é algo que lle pode acontecer a calquera, que pode acontecer esa circunstancia aínda que é algo moi excepcional".

Miñones salienta que no caso da A-6 o importante foi a reacción "reaccionamos desde o primeiro momento fomos áxiles nas propostas, puxemos en marcha diferentes mecanismos, sempre poñendo como exercicio prioritario a seguridade, fixemos os desvíos necesarios, bonificouse a transportistas mentres non poden circular por Pedrafita. Agora mesmo non acabo de entender como a Xunta de Galicia pon en tela de xuízo o traballo que se está a realizar. A secretaria de Estado xa anunciou que a finais deste mes e outubro teriamos o informe dos expertos técnicos que nos van dicir que foi exactamente o que aconteceu e o que hai que facer de cara ao futuro".

Miñones di que non entende as críticas da conselleira porque "unha actuación de urxencia ou por emerxencia non é necesario que se reflicta a partida nos orzamentos"

Sobre as queixas da conselleira de Infratestruturas, Ethel Vázquez, o delegado do Goberno dixo: "Non podo crer que alguén que leva tantos anos á fronte dunha consellería non saiba que unha actuación, neste caso, de urxencia ou por emerxencia non é necesario que se reflicta a partida nos orzamentos. Precisamente por iso, para que sexa máis áxil e para que poidamos actuar dunha forma máis rápida. E é o que se está a facer".

Miñones di que a proposta que facía a Xunta de Galicia como alternativa para o inverno "tampouco era viable". "Creo que hai que deixar traballar aos expertos e non hai que sacar rédito de todo", insiste José Miñones.

"Imos deixar a pel para que non se cometa esta inxustiza" coa pesca de fondo

Sobre a entra de vigor do veto á pesca de fondo, José Miñones di que o Goberno non esperaba que a Comisión "actuase desta forma e creo que é irresponsable. Neste asunto, contundencia máxima. Creo que o propio ministro Planas tivo esa contundencia. "Imos deixar a pel para que non se cometa esta inxustiza co sector pesqueiro. Ninguén esperaba que se tomase unha resolución coma esta sen os estudos necesarios, con defectos de fondo e de forma. Agora tirar adiante con ese recurso no que está traballando a avogacía do Estado pero sen deixar de lado o diálogo. Ter que recorrer a vía xudicial vai atrasar todo e ao final a mellor solución é que se dea un paso atrás por parte da Comisión, que se está a solicitar".

"Espero que se faga xustiza e se asuman as responsabilidades que se teñan que asumir", di Miñones sobre o xuízo do Alvia

Sobre o accidente de Angrois di Miñones que para el como santiagués foi algo "dramático e tráxico, pero como  responsable público e como persoa o que quero é que se faga xustiza". "Dóeme escoitar das familias que non vai haber xustiza. Hai que confiar na xustiza e todos agardamos que se chegue ao final. Primeiro porque se debe ás familias pero despois tamén para que non volva acontecer. Aprender do pasado para que non volva acontecer. Espero que se faga xustiza e se asuman as responsabilidades que se teñan que asumir", remata dicindo o delegado do Goberno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade