José Mujica despídese logo de informar da expansión do seu cancro: "Estou a morrer"
José Mujica despídese logo de informar da expansión do seu cancro: "Estou a morrer"
O expresidente uruguaio anunciou que non dará máis entrevistas e contou que non seguirá ningún novo tratamento porque o seu corpo "non o aguanta"
O expresidente do Uruguai, José Mujica, informou nunha entrevista co semanario local Búsqueda que o cancro que lle foi descuberto no esófago agora se lle expandiu ao fígado e asegurou que está "morrendo".
"O cancro no esófago está a colonizarme o fígado. Non o paro con nada. Por que? Porque son un ancián e porque teño dúas enfermidades crónicas. Non me cabe nin un tratamento bioquímico nin a cirurxía porque o meu corpo non o aguanta", dixo o exmandatario de 89 anos.
Así mesmo, anunciou que non dará máis entrevistas e contou que non seguirá ningún novo tratamento.
"O que pido é que me deixen tranquilo. Que non me acosen con entrevistas al pedo nin nada máis. Hai tempo que rematou o meu ciclo. Sinceramente, estou a morrer e o guerreiro ten dereito ao seu descanso", salientou o que foi presidente do Uruguai no período 2010-2015.
Doutra banda, Mujica aproveitou a oportunidade para despedirse dos seus "compañeiros" e dos seus "compatriotas".
Segundo confirmou EFE, a súa doutora persoal, Raquel Pannone, dará unha conferencia de prensa en que facilitará máis detalles da saúde do exmandatario.
O 29 de abril deste ano, Mujica anunciou nunha conferencia de prensa que tiña un tumor no esófago.
"Necesito informalos de que o venres pasado concorrín ao (centro médico) Casmu facer un recoñecemento no cal se descubriu que teño un tumor no esófago, que é algo obviamente moi comprometido e que é dobremente complexo no meu caso, porque padezo unha enfermidade inmunolóxica hai máis de 20 anos", dixo ese día o expresidente.
Pouco tempo despois, apuntou que o tumor era maligno e debía tratarse con radioterapia, procedemento que levou a cabo en Montevideo.
O pasado 27 de decembro, o expresidente foi sometido a unha intervención cirúrxica en que lle colocaron con éxito un stent no esófago.
"Fixémolo hoxe porque a situación requiríao neste momento. Isto vaille permitir seguir alimentándose por vía oral", dixo Pannone tras a intervención.
Meses antes, a Mujica fixéranlle unha gatroestomía para a súa alimentación.