Juan Mayorga, premio Princesa de Asturias das Letras 2022
Juan Mayorga, premio Princesa de Asturias das Letras 2022
O xurado concedeu o premio a Mayorga, un referente no teatro, "por ampla maioría"
O Premio Princesa de Asturias das Letras volve ser para un autor que escribe en castelán tras seis anos consecutivos premiando autores que escriben en inglés, francés e polaco
Juan Mayorga, un referente no teatro, un dramaturgo co don da palabra, foi distinguido este mércores co Premio Princesa de Asturias das Letras 2022.
#ÚLTIMAHORA: Juan Mayorga ha sido galardonado con el Premio Princesa de Asturias de las Letras 2022.#PremiosPrincesadeAsturias pic.twitter.com/JggoJbIFuS
— Fundación Princesa de Asturias (@fpa) June 1, 2022
Mayorga naceu en Madrid en1965. Declarouse "enfermo de teatro", aínda que é licenciado en Filosofía e Matemáticas unha formación coa que desenvolveu a súa capacidade de reflexión de observación da realidade e de saber que a espera e a paciencia levan a unha tranquilidade na expresión e un acougo na palabra cos que facer agromar espazos de pensamento.
En 2019 entrou a formar parte da Real Academia Española e no seu discurso, na que denominou a casa das palabras, reivindicou o silencio, un acto que di moito da súa necesidade pola calma e por serenar a maneira de expresar e de contar.
Tal como destacou o xurado que lle outorgou o premio, Mayorga concibe o seu traballo como un teatro para "o futuro e para a esencial dignidade do ser humano", un labor que exerce sen buscar o perfeccionismo, pero que revisa sen descanso antes de poñer o punto e final.
Foi profesor de matemáticas na universidade e en institutos e actualmente dirixe o Teatro da Abadía e o Corral de Comedias de Alcalá de Henares, ademais de ser director da cátedra de Artes Escénicas e do Máster de Creación Teatral da Universidade Carlos III (Madrid)
O Premio Princesa de Asturias das Letras concedido Juan Mayorga "recupera" o galardón para a lingua española tras seis anos consecutivos nos que se premiou a autores que escribían en inglés, francés e polaco, destacou este mércores o director da Real Academia Española (RAE) e presidente do xurado, Santiago Muñoz Machado.
Tras facer público o ditame, Muñoz Machado incidiu en que o premio se concedeu "por ampla maioría" do tribunal, que levou a cabo un traballo "exemplar" pola profundidade do debate para conceder un galardón que, finalmente, satisfixo "mesmo aos que tiñan outro candidato".