Publicador de contidos
Publicador de contidos

Julio García Comesaña: "Galicia aposta por ter xeracións libres de tabaco"

Julio García Comesaña: "Galicia aposta por ter xeracións libres de tabaco"

O conselleiro de Sanidade en funcións critica o plan antitabaco proposto polo Ministerio por "quedar con medidas de hai 5 anos"

O mércores publícase no DOG o prazo para escoller praza no concurso de méritos de postos médicos de difícil cobertura 

G24.gal 17/03/2024 11:07 Última actualización 17/03/2024 14:47

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, asegura na Radio Galega que a Xunta  aposta polo concepto de "xeración libres de tabaco" e a "autorregulación" de cara á nova estratexia Anti-Tabaco que estudan comunidades autónomas e Ministerio de Sanidade.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, no marco do prazo de quince días dado polo Ministerio ás comunidades para que fagan as súas achegas ao plan antitabaco presentado pola ministra, García Comesaña considera que hai que tomar "medidas valentes" e non "de hai cinco ou vinte anos" coma -segundo opina- son as que se contempla no plan proposto polo equipo da ministra Mónica García.

No seu lugar, García Comesaña asegura que tanto Galicia coma outras comunidades están na liña de ir a por "xeracións libres de tabaco", unha iniciativa posta en práctica nalgúns países e que consiste en prohibir a venda de produtos do tabaco e da nicotina ás persoas nacidas a partir dun ano que habería que negociar.  

"A posición de Galicia, e cónstame doutras comunidades autónomas, vai por unha liña que cambia dalgún xeito o que está recollido nese plan. En primeiro lugar, eu creo que é o momento de apostar por xeracións libres de tabaco. Estamos vendo que outros países están sendo atrevidos neste senso e nós non podemos quedar con medidas de hai polo menos cinco anos ou hai vinte anos".

Entre as medidas propostas polo Goberno central e que García Comesaña cuestiona é a da prohibición de fumar en terrazas.  O conselleiro en funcións, que usa  como exemplo experiencias realizadas en Galicia como praias e parques sen fume, habería que optar pola "autorregulación".

"Cremos que prohibir fumar nas terrazas non é a principal medida, non pode ser a única e ademais cremos máis na autorregulación, que haxa hostaleiros que decidan voluntariamente que as súas terrazas sexan libres de fume". 

Cobertura de prazas médicas

O conselleiro de Sanidade en funcións tamén avanza na entrevista que este mércores se publicará no Diario Oficial de Galicia "a apertura do prazo" para que as  persoas aspirantes do concurso de méritos para prazas de médico de difícil cobertura en hospitais comarcais e saúde mental "poidan ir elixindo as prazas dispoñibles para eles por esa orde de puntuación que foi adiantada estes días pero a publicación é o vindeiro mércores". Segundo García Comesaña, "no mes de maio estarían xa todos os aspirantes nos seus postos". 

Na conversa, García Comesaña afeoulle ao Ministerio de Sanidade non ter concretada nada sobre a posible creación dun grupo de traballo coas comunides sobre as prazas MIR. 

Vacinación covid e novos proxectos

O conselleiro de Sanidade en funcións confirma que a Xunta está "traballando xa na nova campaña" de vacinación contra a covid -xusto nos días nos que se fai catro anos da pandemia- e "a idea é que sexa moi semellante".

Segundo indicou, seguirán optando por "recintos masivos" e combinando con centros de saúde porque "os resultados nos avalan" ao se referir ás elevadas taxas de vacinación acadadas en todas as campañas. Tamén indicou que traballan en paralelo coa nova campaña de vacinación contra a gripe. 

García Comesaña, que evitou pronunciarse sobre se querería repetir na mesma función cando o presidente da Xunta configure o seu goberno logo do 18-F, si indicou que están traballando en proxectos previstos para os vindeiros meses e que tamén foron compromisos electorais.

Indicou que xa se reuniron coas "tres unidades de fecundación in vitro que hai en Galicia" para falar de propostas electorais como a de estender ata os 45 anos a reprodución asistida, e dixo que tamén están traballando no ámbito de "estender a oncoloxía médica aos hospitais comarcais de Cee e Barbanza" e avanzou "pasos moi pronto" e outra das medidas que dixo que queren activar "canto antes é o inicio dos cribados de pulmón e de próstata"

Entrevista completa na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade