Junqueras di que a amnistía e o referendo son imprescindibles para unha negociación de investidura
Junqueras di que a amnistía e o referendo son imprescindibles para unha negociación de investidura
O líder de ERC sostén que a amnistía só é "o punto inicial" e que o referendo forma parte tamén das condicións
Desde o PP aseguran que a Sánchez non lle preocupan a unidade de España nin a gobernabilidade con tal de seguir no poder
Oriol Junqueras reitera as condicións imprescindibles para unha hipotética investidura de Sánchez. Nunha entrevista en La Vanguardia asegura que "a amnistía non é o punto final de nada, senón tan só un punto inicial".
"A amnistía é unha condición necesaria para poder empezar a resolver este conflito, que é un conflito que inclúe necesariamente o dereito a decidir por parte da sociedade catalá, o dereito á autodeterminación da sociedade catalá".
Junqueras sostén que o referendo de autodeterminación e as condicións nas que se ten que facer deben formar parte imprescindible das negociacións e que os socialistas deberían comprometerse co dereito a decidir dos cidadáns de Cataluña.
Desde o PP, Elías Bendodo sinalaba este mediodía que Sánchez está disposto a "mercadear" coa unidade de España para seguir na Moncloa:
"Sánchez estalle dando ás á amnistía, a un novo referendo vinculante en Cataluña e, sobre todo, a un enfrontamento entre todos os españois e entre os territorios, e subliño o dos territorios".
Asegurou Bendodo que un gobernante responsable ten que saber poñer límites e que as irresponsabilidades de Sánchez serán pagadas por todos os españois.