Publicador de contidos
Publicador de contidos

Junqueras di que segue "con forzas" para liderar ERC e que non quere "renunciar a nada"

Junqueras di que segue "con forzas" para liderar ERC e que non quere "renunciar a nada"

Horas despois de anunciar a súa dimisión despois do comicios europeos, o líder de Esquerra di que "non renuncia a nada para axudar o partido e o país"

Engade que só se sentirá lexitimado para seguir liderando ERC se logra "un aval explícito e renovado da militancia" no congreso do 30 de novembro

O líder de ERC, Oriol Junqueras, en conferencia de prensa este xoves en Barcelona (Kike Rincón / Europa Press). O líder de ERC, Oriol Junqueras, en conferencia de prensa este xoves en Barcelona (Kike Rincón / Europa Press).
G24.gal 16/05/2024 11:25

O presidente de ERC, Oriol Junqueras, asegurou este xoves que segue "con forzas" para liderar o partido e que buscará que así o avale a militancia no congreso do próximo 30 de novembro, posto que o paso atrás que dará tras as eleccións europeas non implica que queira "renunciar a nada".

Tras o trompazo electoral de ERC en Cataluña, que pasou de 33 a 20 deputados, Junqueras anunciou a súa dimisión para despois dos comicios europeos do 9 de xuño, aínda que hoxe deixou claro que a súa intención é seguir liderando o partido, como xa sinalou o martes nunha carta á cidadanía.

O líder de ERC compareceu perante os xornalistas na sede do partido despois da reunión extraordinaria da dirección de ERC celebrada onte mércores.

Por contra, a secretaria xeral, Marta Rovira, en Suíza desde 2018, informou de que abandonará o cargo tras o congreso do 30 de novembro, do mesmo xeito que Pere Aragonès dixo o luns que deixará a primeira liña política.

Aínda inhabilitado para cargo público, á espera de que a lei de amnistía -en trámite parlamentario- sexa efectiva, Junqueras dixo este xoves: "Non teño présa para nada, pero tampouco quero renunciar a nada á hora de axudar ao partido e ao país".

Nunha longa intervención inicial, de doce minutos, explicou que sente a necesidade de "saír á rúa e escoitar á xente" tras a desfeita electoral, que se suma aos retrocesos xa rexistrados nos últimos comicios xerais e municipais.

"Gustaríame poder dirixirme á cidadanía a pé de rúa de igual a igual. Nisto síntome útil e creo que podo axudar", afirmou.

Engadiu que só sentirá lexitimado para seguir liderando ERC se logra "un aval explícito e renovado da militancia", que espera obter no congreso do 30 de novembro. "Quero saber que esperan de min, estou disposto a axudar desde onde sexa posible", insistiu.

Junqueras di que "non cambiou nada" e que non se sentiu "presionado"

Tras anunciar Aragonès o luns que abandonará a primeira liña política -aínda que non as súas responsabilidades no partido ata que este se reorganice-, o martes Junqueras publicou "unha carta á cidadanía" en que expresaba a súa vontade de seguir liderando a organización.

Con relación a esa misiva, á que o mércores seguiu o anuncio de dimisión tras as europeas do 9 de xuño, Junqueras asegurou que "non cambiou nada" senón que este paso atrás deuno "con absoluta convicción" e sen sentirse "presionado" por outros dirixentes do partido.

Agregou que na executiva de urxencia celebrada onte todos estiveron de acordo en que era necesario dar a voz á militancia nun congreso, que finalmente terá lugar o 30 de novembro.

Segundo fontes consultadas por EFE, esta data casa coas pretensións de dirixentes como Marta Rovira, que cren que debe darse paso a unha nova xeración política, mentres que Junqueras preferiría que o congreso se celebrase antes, nun marco no que non emerxeron aínda de forma clara novos posibles liderados.

Na carta coa que anunciou que non seguirá como secretaria xeral, Rovira chamou a acometer "unha transición serena", a fuxir de "liderados mesiánicos" e a evitar facer uso do "populismo emocional", no que podería referirse ao presidente de ERC.

Convida a PSC e a Junts a entenderse

Todo este proceso ten lugar nun contexto en que Esquerra será determinante para a política catalá e española, xa que os republicanos teñen nunha man a chave que pode facer a Salvador Illa (PSC) presidente da Generalitat e na outra sete votos claves no Congreso para soster o Goberno de Pedro Sánchez.

En canto a como decidirá ERC os pasos que dará, Junqueras dixo que as decisións "as tomarán como sempre os órganos correspondentes", sen aclarar os tempos. O 10 de xuño, como moi tarde, o Parlament debe constituírse e elixir o seu presidente.

En liña co defendido polo partido desde o domingo, dixo que son PSC e Junts quen debe entenderse para conformar unha maioría parlamentaria, porque "se se puxeron de acordo en facer oposición (ao Govern de ERC) agora tócalles poñerse de acordo para formar un goberno".

Con todo, ERC pode ser clave para evitar unha repetición electoral, xa que podería facer presidente o socialista Salvador Illa co voto afirmativo dos seus 20 deputados e logo retomar forzas desde a oposición. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade