Publicador de contidos
Publicador de contidos

Kamala Harris recibe apoios nas filas demócratas, pero algúns gobernadores e Obama non se decantaron aínda

Kamala Harris recibe apoios nas filas demócratas, pero algúns gobernadores e Obama non se decantaron aínda

Biden anuncia que non se presenta á reelección como presidente dos Estados Unidos

Os Clinton amosan o seu apoio á actual vicepresidenta, pero Obama evita pronunciarse de xeito explícito

Kamala Harris, nunha imaxe de arquivo xunto a Joe Biden
G24.gal 22/07/2024 09:01 Última actualización 22/07/2024 16:13

A vicepresidenta estadounidense Kamala Harris recibiu en poucas horas, ao confirmar que aspira á candidatura demócrata á presidencia tras a renuncia do presidente Joe Biden, importantes apoios de gobernadores, congresistas e do matrimonio Clinton, aínda que outros gardan silencio polo momento.

Tras anunciar a súa renuncia para seguir en campaña, Biden foi claro ao dar o seu apoio explícito a Harris, pero outros importantes membros da formación, como o expresidente Barack Obama (2009-2017), mostraron a súa predisposición por un proceso de elección máis aberto.

Os gobernadores de California Gavin Newson, de Pensilvania Josh Shapiro, de Carolina do Norte Roy Cooper, de Kentucky Andy Beshear e de Minnesota Tim Waltz explicitaron o seu apoio á candidatura de Harris.

Outros gobernadores de estados clave, como o de Wisconsin Tony Evers ou a de Michigan Gretchen Whitmer, non deixaron claro o seu apoio a Harris nos comunicados en que reaccionaron ao anuncio de Biden esta tarde de domingo.

Segundo a publicación The Hill, Harris e o seu equipo pasaron a tarde do domingo para garantir os apoios dos tres principais caucus (grupos) da Cámara de Representantes. Pramila Jayapal, do sector progresista; Nanette Barragán, do Caucus Hispano, e McLane Kuster, da Nova Coalición Demócrata, apoiaron o nomeamento de Harris como candidata do partido.

O expresidente Bill Clinton (1993-2001) e a excandidata presidencial e exsecretaria de Estado Hillary Clinton deron o seu apoio a Harris pouco despois do histórico anuncio de Biden de que non buscará a reelección tras varias semanas de presión interna para que deixase paso a alguén máis capacitado para gañar ao republicano Donald Trump.

"É o momento de apoiar a Kamala Harris e de loitar con todo o que temos para que sexa elixida. O futuro de Estados Unidos depende diso", indicaron os Clinton nun comunicado que contrasta co de Obama.

Este último pediu ao Partido Demócrata nomear un "candidato extraordinario" para as eleccións de novembro, pero na súa mensaxe evitou apoiar a vicepresidenta.

"Imos navegar novas augas nos próximos días. Pero teño unha confianza extraordinaria en que os líderes do noso partido serán capaces de crear un proceso do que emerxerá un candidato extraordinario", indicou Obama nun comunicado en que deixa aberto un proceso máis competitivo.

O líder da minoría demócrata na Cámara Baixa Hakeem Jeffries, o líder da maioría demócrata no Senado Chuck Schumer ou a expresidenta da Cámara Baixa Nancy Pelosi evitaron nomear a Harris nas súas reaccións este domingo á histórica decisión de Biden de renunciar á reelección.

O presidente do Comité Nacional Demócrata, Jaime Harrison, prometeu que o partido se rexerá por "normas e procedementos establecidos" para levar a cabo un proceso "transparente e ordenado".

Harris emitiu un comunicado este domingo en que agradece a Biden o seu apoio para que sexa a candidata demócrata ao nomeamento presidencial e confirmou que optará a ese nomeamento, que tradicionalmente se oficializa na Convención Nacional, que terá lugar este ano entre o 19 e 22 de agosto en Chicago.

"É unha honra ter o apoio do presidente e a miña intención é gañar e obter este nomeamento", asegurou nun comunicado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade