Publicador de contidos
Publicador de contidos

Karlotta deixa 700 incidencias en Galicia e refachos de 200 km/h

Karlotta deixa 700 incidencias en Galicia e refachos de 200 km/h

O groso das incidencias, máis de 600, produciuse ata as 18:00 horas do xoves

Renfe suspendeu este xoves a circulación de trens entre Ferrol e A Coruña e paralizou temporalmente o servizo entre Ferrol e Ribadeo

A caída da instalación eléctrica provocou varios incendios na Mariña, entre eles un en Trabada que arrasou 190 hectáreas

G24.gal 08/02/2024 19:03 Última actualización 09/02/2024 10:43

O 112 Galicia contabilizou ata este venres un total de 689 incidencias relacionadas co temporal Karlotta que afecta a comunidade autónoma. O groso das incidencias produciuse ata as 18:00 horas -máis de 600-, mentres que a borrasca, xa en avance, foi amainando co pasar das horas. Entre as 18:00 horas e a medianoite houbo 79 incidencias atendidas polos servizos de emerxencias.

As máis frecuentes tiveron que ver coas estradas, nas que os servizos de emerxencias interviñeron pola presenza de árbores e pólas (293), cables nas estradas (62) ou diversos obxectos nelas (55). A maiores, tamén cómpre salientar as accións levadas a cabo polos equipos de emerxencia para evitar riscos, que suman un total de 119 incidencias.

A provincia da Coruña foi a que resultou máis afectada polos efectos da meteoroloxía adversa, sumando un total de 285 incidencias rexistradas, seguida de Lugo, con 230; Pontevedra con 145; Ourense con 27 e as incidencias xestionadas noutras comunidades autónomas, que foron 2.

No caso dos concellos, A Coruña (29), Santiago (23), Ribeira (14) ou Ortigueira (14) destacan na provincia da Coruña; en Pontevedra, Vigo (27), Nigrán (10), Sanxenxo (9) ou Pontevedra (7) foron as que máis sentiron os efectos da meteoroloxía adversa, segundo os datos ofrecidos polo 112 Galicia. En Lugo, Mondoñedo (26), Viveiro (25) e Burela (21) superan a vintena de casos, a maioría deles relacionados cos efectos do vento. Por último, destacamos os municipios de Quintela de Leirado (3), Barco de Valdeorras (3) e Sandiás (2) na provincia de Ourense.

Muro caído en Ferrol

Incidencias destacadas

A caída de árbores e pólas nas estradas provocaron alteracións no tráfico sobre todo en vías secundarias como a PO-313 ao seu paso por Moaña, a N-640 (A Pontenova), a N-634 (Barreiros e Lourenzá), a LU-122 (Lourenzá) ou o quilómetro 515 da A-8 á altura de Ribadeo. 

Varias localidades sufriron problemas coa subministración eléctrica ao longo da tarde, contabilizáronse casos, por exemplo, nos municipios lucenses de Xove, Trabada, Riotorto, Viveiro, O Vicedo, Alfoz, A Pontenova, Cervo ou Lourenzá.

Ademais, o 112 Galicia tivo constancia ás 16 horas da caída dunha árbore sobre un coche que circulaba polo quilómetro 61 da PO-552, en Tomiño, aínda que non se rexistraron danos persoais. No operativo participaron a Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Tomiño e os servizos de mantemento da estrada.

Varios particulares informaron os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da caída de lousas dun edificio da rúa Río Xunco (Burela), aínda que non feriron a ninguén. Tamén en Burela, esta vez na travesía do Porto, unha persoa contou que acababa de rachar unha terraza de cristal e que os restos caeran á rúa. Outros avisos incluíron a chamada por unhas tellas doutro inmoble que saíron voando na rúa de Salvador de Madariaga, en Foz.

Pola súa banda, as precipitacións deixaron incidencias como unha ponte desbordada na Baña ou estradas asolagadas, como a AC-305 ao seu paso pola Pobra. En Ponte Caldelas, un particular chamou ao 112 Galicia para alertar dunha casa asolagada no lugar de Tourón.

Refachos de 200 km/h e moita chuvia

O vento foi o protagonista da xornada, especialmente na zona da Mariña Lucense, a máis castigada. De feito, a estación de Penedo do Galo, en Viveiro, rexistraba durante a mañá un refacho récord de 202,4 quilómetros por hora.

Con todo, este dato non foi unha excepción. Segundo a información de Meteogalicia, o vento tamén alcanzou os 170,7 quilómetros por hora en Carballeda de Valdeorras e os 153 na estación do Xistral, en Muras. A 150 km/h chegaron en Vimianzo e a 149 km/h en Cedeira.

A choiva, pola súa banda, afecta sobre todo a provincia da Coruña, con rexistros moi altos. Concretamente, alcanzáronse os 135 litros por metro cadrado en Santa Comba, os 98,7 en Zas e os 96,7 litros por metro cadrado en Lousame. En Val do Dubra, Meteogalicia rexistra 86,6 litros por metro cadrado, e en Rois, 81,3.

Porto da Guarda

O temporal tamén afectou o servizo ferroviario

Renfe suspendeu este xoves a circulación de trens entre Ferrol e A Coruña "con motivo do temporal de vento" que afecta Galicia nesta xornada e que tamén paralizou temporalmente o servizo entre Ferrol e Ribadeo.

A compañía pública confirmou que non circularon trens de Media Distancia de Ancho Métrico entre Ortigueira, Ribadeo e Oviedo e que os de Longa Distancia entre Ferrol e A Coruña quedaron suspendidos, do mesmo xeito que os que discorren por vía convencional entre Ourense e a estación de Guixar, en Vigo.

A empresa asegurou que ante estas modificacións estableceu un "servizo alternativo por estrada para garantir a mobilidade dos viaxeiros" e que está "a informar a través de todas as súas canles de comunicación e atención ao cliente".

Previamente, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) anunciou a interrupción da circulación da liña de Ancho Métrico entre Ferrol e Ribadeo "pola caída de varias árbores sobre a infraestrutura" entre os municipios de Moeche e Cerdido, na comarca ferrolá.

Tras despregar o seu persoal na zona para restablecer a circulación, o órgano público confirmou na tarde deste xoves que a incidencia quedou solucionada e que se renovou o tráfico entre ambos os concellos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos